A Paínza, en Arzúa

O mesón A Paínza (981508194) leva anos situado a poucos quilómetros de Arzúa, en Viladavil, na estrada que vai cara ás Corredoiras. Foi dos primeiros locais de restauración que aproveitou unha construción tradicional restaurada nesta comarca. Desde entón tivo etapas diferentes na súa calidade. Algunha certamente boa. Agora inicia unha nova da man de quen levaba a cociña do Muíño das Canizas, do que falamos aquí. O Muíño está situado nunha paraxe preciosa en Ponche Arcediego, no Ulla, no  encontro das provincias de Pontevedra, A Coruña e Lugo. A Paínza, a uns minutos de Arzúa, está nun val privilexiado polo clima suave que revela o verde  intenso neste tempo case invernal.

As salas desta casa labrega da Paínza están ben decoradas, sen excesos e sen eses toques pseudoétnicos que o estragan todo. Moi ao contrario, conta con mobles que claramente proceden de anticuario ou da influencia do veciño pazo ou casa grande ao que estaba vinculada a casa labrega. Ten varias salas de diferentes tamaños, o que permite comer en grupo con certa intimidade. E evita sufrir choros e alborotos de nenos alleos cando as comidas son familiares. Bo servizo e coñecedor do oficio en materia gastronómica e enolóxica. A adega de momento ben aínda que non é moi abundante en referencias. Na elección dos tintos galegos pode perfilar máis cara á calidade. Cando pasamos por alí nesta última ponte, acababa de arrincar con José Manuel Fariña como novo cheff.

A cociña promete percorrido en función do que alí probamos e en función da traxectoria anterior no Muíño das Canizas. A carta de Paínza loxicamente incorpora pratos que estaban suficientemente contrastados no Muíño. Ampla e plural oferta de primeiros, fóra dos tópicos  do rural galego. Varias propostas de caza como corresponde á época. Tamén de cogomelos.

Boa carne, como corresponde á comarca, e algunhas propostas de cociña italiana plenamente satisfactorias, como a pasta. Demos conta dun risotto suave e untuoso, que é o que se lle debe esixir. Non é fácil este prato e neste caso demostrou que José Manuel Fariña é un cheff con longo oficio. Non había excesos de manteiga nin de parmesano, como adoita ocorrer en tantos lugares.

Con esta referencia ao risotto queremos dicir que a carta rompe coa monotonía que presentan moitas das propostas destas ofertas de turismo rural.

A localización é boa e agora que vén o ano santo compostelán pode ser toda unha referencia nesta etapa arzuá do Camiño. Para quen viaxe a Santiago por esta vella ruta quizais sexa dos poucos sitios que realmente merecen desviarse un par de quilómetros para facer parada. Había en dirección ao encoro de Portodemouros, aquí en Arzúa, Casa Brandariz. Tamén con bo produto e boa cociña. Iremos, para contarlle.

Comentarios