Chuletón, bacallau e moito máis

Jesús + Eduardo López, Fonte do Rei II
Jesús e Eduardo López, propietarios do Fonte do Rei II

OS COMENSAIS do restaurante Fonte do Rei II quedan gratamente sorprendidos pola calidade das súas carnes e pola súa boa man á hora de preparalas á grella. Os irmáns Jesús e Eduardo López Vilor cultivaron un notable prestixio polos seus churrascos de porco e tenreira, o máis demandado pola clientela, aínda que os chuletones, especialmente o de boi, son os pratos estrela.

A carta do restaurante é ampla e variada. Entre a longa sucesión de entrantes destaca o salpicón de mariscos, colocado sobre unha folla de leituga. A salsa sérvese aparte e sobresae polo seu sabor. As zamburiñas á prancha, as gambas ao ajillo, os cogomelos con xamón ou o onmipresente polbo á feira son outros entrantes apetecibles e moi solicitados.

Á hora de elixir peixe inclineime polo bacallau, un dos mellores que se poden probar na provincia. O segredo está en que se trata de lombos salgados, e non conxelados, e no paciente proceso de desalación, para o que utilizan un pequeno tanque que outrora serviu para gardar o leite e facilita os cambios de auga. Aínda que á grella está rico, á portuguesa está impresionante. Servíronnos un anaco voluminoso e ben cortado, que se desfacía en láminas, e servido no seu punto de fritura. O peixe estaba sobre un leito de patacas panadeiras, co seu acompañamento de pementos vermellos e verdes. O rape en salsa mariñeira e a pescada á cazuela son outros pratos que che deixan un bo recordo.

Na última homenaxe que me dei no Fonte do Rei II tiven a oportunidade de probar un chuletón de boi perfecto de sabor e textura, acompañado de toros de berenxena e cogombro que adornaban o prato e unhas patacas fritas. Era unha carne veteada que deixa un profundo sabor no padal. Na sección carnívora da carta tampouco falta o cordeiro. Tamén se ofrece cocido en tempada, elaborado con produtos da Montaña. Chegadas estas datas primaverais só faise por encargo.

Logo dunha comida suculenta, como a que se goza neste restaurante, nada mellor que refrescar a boca coa súa crema de limón. É caseira, como a maioría das sobremesas, entre os que figuran as peras ao viño, os flans de ovo e de café ou a torta de queixo ao forno ou fría.

A carta de viños é longa e interesante. O comensal pode visualizar nunha das paredes das comedor botellas das principais marcas das principais denominacións. Como teño certa fixación cos viños da terra inclineime polo Guímaro, o recoñecido tinto da Ribeira Sacra. Tamén vale a pena degustar o Viña Vella, un godello de Diamondi, no Saviñao.

Con este agarimo polo bo produto e os seus prezos moderados, Fonte do Rei II fíxose cunha importante clientela e é un dos lugares de referencia para a celebración de comidas familiares, pero tamén de empresa ou de grupos.

GUÍA PRÁCTICA

Como chegar

O Fonte do Rei II atópase no número 63 da lucense Avenida de Madrid. é un dos primeiros establecementos hostaleiros que achan as persoas que acceden á cidade por este viario.

Reservas

O número de teléfono para efectuar reservas é o 982.22.37.11.

Saber máis

www.fontedorei.atagalicia.com

Comentarios