Combarro, para 'comerse' o mar

Cartel de la edición de 2008 (Galicia Gastronómica)
photo_camera Cartel de la edición de 2008 (Galicia Gastronómica)

A gastronomía será unha das protagonistas da oitava edición da ‘Festa do Mar', que se celebra na vila mariñeira de Combarro, no concello pontevedrés de Poio , entre o vindeiro mércores, día 20, e o domingo 24 de agosto. Dentro desta celebración permanecerá aberta unha mostra culinaria, con degustación de produtos típicos do mar. Será entre as doce do mediodía e as tres e media da tarde e entre as sete e as once e media da noite, todos os días da festa.

Poderán degustarse desde unha ración de empanadas variadas, por 3,3 euros (a porción máis barata), ata ‘a fritura de mar', a doce euros a ración (a máis cara). En total serán 22 preparacións diferentes as que se ofrecerán, entre elas ameixas, nécora, luras, mexillóns, vieiras ou zamburiñas, ademais das xa citadas empanada e fritura.

Cita de referencia

Esta Festa ‘do Mar' converteuse nunha cita de referencia durante o verán nas Rías Baixas. Ademais da mostra gastronómica, no programa desta celebración inclúense varias exposicións de artesanía e artes mariñeiras.

Ao mesmo tempo, diferentes grupos de música e danza actuarán nun escenario próximo ao porto.  As estrelas desta edición serán Chenoa, que actuará o xoves 21, e Rosendo, que tocará o venres 22. Ambos sairán ao escenario ás once e media da noite. O Combo Dominicano, cuxa actuación está prevista para o vindeiro sábado, 23 de agosto, tocará ás doce e vinte da madrugada, tras os fogos de artificio. Todas estas actuacións son gratuítas e terán lugar na chaira da Canteira.

O encontro de embarcacións tradicionais é unha das estrelas da festa. A el acoden afeccionados á vela nas súas antigas dornas, galeóns e chalanas, algúns tras navegar varias leguas. Tamén se organizan xogos para os nenos, manualidades, fogos de artificio, etc.

Comentarios