Cen importadores de viños trocan en embaixadores de Galicia en todo o mundo

O recinto feiral de Expourense serviu como centro de ensino non regulado sobre produtos galegos e a el acudiron cen importadores e restauradores interesados nos viños e augardentes das seis denominacións de orixe (DO) de Galicia pero aprenderon moito máis e obtiveron un "título" simbólico de embaixadores de todo o galego nos seus países de orixe.

Entre os importadores participantes, a feira Vinis Terrae contou con catro de países que viaxaron por primeira vez ao centro de negocios provisional instalado en Ourense e que son Perú, Colombia e Guatemala.

A Perú regresan hoxe as irmás Ronsel e Aurora Santillán que chegaron a Galicia por primeira vez con motivo da feira Vinis Terrae para buscar viños albariños pero, segundo explicaron a GG, volverán con maletas e listaxes doutros produtos de gastronomía como conservas e elaborados agrícolas.

"Buscamos en España produtos para o segmento económico medio-alto do noso país que coñece e consome a champaña, o cava como bebida tradicional en festas familiares e eventos sociais e ese mundo coñecémolo pola nosa estancia en Cataluña".

A segunda comunidade que coñecen agora é Galicia, á que chegaron hai dous días buscando viños albariños Rías Baixas para Perú onde ese viño non existe nin ninguén o importa pois, segundo explicaron, o país Latinoamericano é "máis de tintos" que lles chegan desde Chile e Arxentina.

Algo semellante ocorre co importador procedente de Guatemala, que chegou a Expourense buscando viños novos e afrutados pero regresa con todo tipo de material comestible e informativo e "sorprendido" co branco da uva godello, do D.O. Valdeorras, segundo explicou a GG.

Outros países repetiron na terceira edición de Vinis Terrae como Inglaterra e un dos seus importadores, Carlos Read, explicou que os viños galegos son os que están a conseguir que o consumidor inglés "esqueza os seus prexuízos contra o viño español xa que moitos recordan a chegada masiva de cisternas de viños da Mancha nos anos 70 e agora hai que corrixir esa impresión".

A venda dos viños galegos, segundo Read, é unha "cruzada" na que se compite con viños de grandes industrias como as de Chile, Australia e Sudáfrica, con moito diñeiro para promoción.

Os galegos desprazados polo mundo e os restauradores son os que rompen o xeo nos novos mercados "e logo hai que explicar moito e durante moito tempo pois o mercado inglés é o único no que aumenta o consumo de viño e manexa máis de 3000 viños de todo o mundo", agregou Read

Importadores e adegueiros participantes en Vinis Terrae, coincidiron en sinalar que esta feira é útil ao sector polo seu carácter exclusivamente profesional e por agrupar todas as variedades de viños que hai en Galicia o que facilita o labor dos importadores.

Adegueiros consultados fixeron un balance dos resultados de Vinis Terrae en anteriores edicións e situaron na feira os primeiros contactos, logo convertidos en negocio, con importadores estatais de Noruega, restauradores de Valencia, con compradores de Xapón tanto de viños como de augardentes e licores e outros.

Tamén venden a súa produción as adegas artesás

Entre as adegas interesadas en dar a coñecer os seus viños e licores, a Asociación de Adegas Artesás Rías Baixas contou cun expositor para os seus once socios, todos eles da DO Rías Baixas, produtores dunha media de 10.000 botellas na comarca do Salnés e que se consideran "Autores de viño", tal como explicou o secretario do colectivo José Pintos Pintos.

Ademais de dar a degustar os viños da asociación, Pintos deu a coñecer a estratexia destas pequenas adegas para vender os seus viños pois non contan coa posibilidade de ir a feiras fóra de España nin de custearse campañas de promoción masiva.

"Temos que liquidar a escaseza de medios con profesionalidade e enxeño porque necesitamos situarnos no mercado igual que as adegas máis grandes pero sen a estrutura comercial que elas teñen".

Nese sentido, estes produtores e adegueiros, ou "autores de viño", segundo Pintos, están a rematar unha posta a punto en relación á súa imaxe que incluirá novos deseños, personalizados para cada adega, de etiquetas, botellas, papelería.

A nova imaxe darase a coñecer o día 24 de xullo, nunha presentación que formará parte do programa de actividades do XI Encontro co viño de autor de Meaño, que se celebrará entre os días 22 e 25 de xullo.

Durante eses días poderanse degustar os viños elaborados con técnicas naturais de frío e na súa totalidade coa única variedade de uva albariña.

Comentarios