A cidade rende tributo aos pontevedreses do ano

Núñez Feijóo destaca o compromiso dos premiados, que "son a representación dun país de xente e de colectivos que demostran a súa fe nel"; mentres a presidenta do Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro, resalta dos galardoados o seu "exemplo de esforzo, superación, loita e entrega"

'Pontevedra é boa vila e dá de beber a quen pasa'. Con esta cita de José Filgueira Valverde, "o polígrafo ao que este ano se dedica o Día das Letras Galegas", a presidenta do Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro, daba a benvida aos asistentes á gala de entrega dos Premios Pontevedreses, celebrada na noite do mércores no Centro Social AFundación. Alberto Núñez Feijóo, encargado de presidir o acto, quixo destacar o compromiso de cada un dos galardoados, sinalando que "son a representación dun país de xente e de colectivos que demostran a súa fe nel".

"Podemos dicir de todos eles que creron firmemente no porvir da súa terra, e que acertaron", manifestou o titular da Xunta durante o seu discurso. Núñez Feijóo subliñou que existe entre eles un vínculo, "a constancia", e que co paso do tempo non minguou a "ilusión inicial" de cada un destes proxectos asociativos ou traxectorias vitais.

Núñez Feijóo: "Son a representación dun país de xente e de colectivos que demostran a súa fe nel"


Entre os gañadores desta edición destacaba o Premio de Honra, que recaía en María Inmaculada Paz-Andrade, a primeira muller en alcanzar este recoñecemento. "Dela podemos aplaudir tanto as súas investigacións en materia de termodinámica como no sistema para predicir o perigo de incendios forestais", afirmaba Núñez Feijóo. "É unha muller comprometida con Galicia, e que en si mesma foi un exemplo para outras moitas mozas que tiveron e teñen que loitar para ir derrubando os muros da desigualdade e da incomprensión", engadía García Montenegro.

Na categoría de Labor Social, o Banco de Alimentos de Pontevedra foi o gañador desta edición, un recoñecemento merecido, especialmente nos tempos de crise económica que corren. A entidade considera o galardón "un balón de osíxeno" para o seu labor.

Por outra banda, Juan Manuel Corbacho foi o encargado de recoller o premio na categoría de Investigación en nome da Universidade de Vigo e o seu Campus de Pontevedra, que este ano celebra o seu 25 aniversario.

García Montenegro: "María Inmaculada Paz-Andrade é unha muller comprometida con Galicia, e que en si mesma foi un exemplo para outras moitas mozas''

No ámbito Cultural, o premio foi a parar ao Ateneo de Pontevedra. Xaime Toxo foi encargado de recoller a distinción a unha institución que, como resaltaba a presidenta do Grupo El Progreso, "é e foi, desde a súa creación, un instrumento para esquivar a censura da ditadura entón e un lugar de encontro no que confrontar ideas na actualidade".

Na categoría de Empresa, esta edición o recoñecemento foi a parar a "unha empresa familiar que na súa cuarta xeración, e da man de Rogelio Acuña, conseguiu modernizarse sen deixar de lado a tradición e, ao mesmo tempo, crecer sen esquecer as súas raíces". Falamos, como non, da Panadería Acuña, que "desmente -segundo o presidente Feijóo- o tópico de que as empresas familiares están condenadas a unha lenta decadencia".

Ás portas de disputar a fase de ascenso a División de Prata, o Club Cisne recibiu o agarimo dos pontevedreses na entrega do seu premio na categoría de Deportes . Antes da entrega, Santi Picallo resaltaba o orgullo que sente o conxunto, especialmente debido ás súas orixes humildes: "Medramos cos pés no chan".

Comentarios