Os lumes de Castro Caldelas, Monterrei e Chandrexa de Queixa rozan as 600 hectáreas

A Consellería de Medio Rural informa que están controlados os lumes de Cervantes, A Pobra de Trives e Montederramo e extinguidos os de Gondomar, Celanova e Guntín
Imagen del incendio forestal declarado en Gimarei, Monterrei
photo_camera Imagen del incendio forestal declarado en Gimarei, Monterrei

A Consellería de Medio Rural informou da situación dos incendios que se están rexistrando na provincia de Ourense, estando activos os de Chandrexa de Queixa, Castro Caldelas e Monterrei, con datos recollidos ás 09.30 horas deste mércores, e que afectan a preto de 600 hectáreas en total. 

MONTERREI. O de maiores dimensións, segundo os datos provisionais provisionais, é o de Monterrei (Ourense), iniciado ás 17.41 horas do martes, e que segundo as últimas estimacións afecta a unha superficie dunhas 300 hectáreas. Medio Rural informa que no seu control están a traballar 14 axentes, 29 brigadas, 17 motobombas, 2 pas, 10 helicópteros e 4 avións. O lume obrigou a cortar un carril da A-52 en dirección Benavente e deixou sen luz a Verín este martes.

CHANDREXA DE QUEIXA. No que se refire ao incendio de Chandrexa de Queixa, tamén activo, estímase que afecta a unha superficie dunhas 100 hectáreas. Rexistrábase ás 19.34 horas deste martes e no seu control están a traballar 2 axentes e 2 avións. 

CASTRO CALDELAS. Tamén permanece activo un lume forestal no municipio ourensán de Castro Caldelas, na parroquia de Burgo, que se iniciaba o martes ás 18.27 horas. Segundo as últimas estimacións, afecta a unha superficie de preto de 200 hectáreas. No seu control están a traballar 1 técnico, 7 axentes, 18 brigadas, 11 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 4 avións.

CONTROLADOS Os LUMES DE CERVANTES. Pola súa banda, está controlado, desde as 21.25 horas do martes, o lume de Cervantes (Lugo), na zona de San Tomé de Cancelada, e que se iniciou o luns ás 12.37 horas. Segundo as últimas estimacións, afecta a unha superficie de 67,77 hectáreas, das que 42 son de monte arboledo e as 25,77 restantes de monte raso. Nos traballos de control están a participar 1 técnico, 6 axentes, 26 brigadas, 12 motobombas, 3 pas, 5 helicópteros e 2 avións. 

Na mesma parroquia de San Tomé de Cancelada tamén segue controlado, desde as 05.20 horas do martes, un segundo incendio que se iniciaba o luns ás 16.44 horas. A superficie afectada é de 31,21 hectáreas, segundo as últimas estimacións. Nos traballos de extinción traballan 3 axentes, 10 brigadas, 6 motobombas, 4 helicópteros e 1 avión.

CONTROLADOS OS INCENDIOS DA POBRA E MONTEDERRAMO. Entre tanto, tamén continua controlado, desde as 16.00 horas deste martes, o incendio no concello da Pobra de Trives, parroquia de Cova, que comezou ás 22.16 horas do luns e que afecta a unha superficie de 20 hectáreas, 18 de monte raso e as 2 restantes de arboledo. No seu control participan 3 axentes, 9 brigadas, 5 motobombas e 1 pa. 

Así mesmo, permanece controlado desde as 19.34 horas do luns o incendio rexistrado en Montederramo, parroquia de Marrubio, que se iniciaba tamén o luns ás 13.55 horas, afectando a 42 hectáreas, –18 de monte arboledo e 24 de raso–. Nas tarefas de extinción estiveron traballando 7 axentes, 16 brigadas, 11 motobombas, 2 pas, 5 helicópteros e 4 avións.

EXTINGUIDOS OS DE GONDOMAR, CELANOVA E GUNTÍN. Por outra banda, Medio Rural informou que están extinguidos os incendios de Gondomar, Celanova e Guntín. O da localidade pontevedresa de Gondomar, iniciado o luns ás 21.58 horas, na parroquia de Peitieiros, deuse por extinguido ás 19.47 deste martes, tras afectar a unha superficie de 38,94 hectáreas de monte raso, e tras contar coa participación nas tarefas de extinción de 8 axentes, 20 brigadas, 19 motobombas e 2 pas. 

En canto ao rexistrado en Celanova, na parroquia de Amoroce, e que calcinou 16 hectáreas –8 de monte arboledo e 8 de raso–, quedou extinguido ás 01.31 horas, tras a intervención de 2 técnicos, 4 axentes, 22 brigadas, 10 motobombas, 1 pa e 7 helicópteros. 

Finalmente, Medio Rural tamén comunicou que está extinguido desde as 21.42 deste martes o incendio rexistrado no municipio lugués de Guntín, na parroquia de Castelo, e que estaba activo desde o luns ás 17.32 horas. Segundo as últimas estimacións, afectou a 23 hectáreas, entre 16 de monte arboledo e 7 de raso. Interviñeron, nas tarefas de extinción, un total de 6 axentes, 16 brigadas, 11 motobombas, 1 pa, 2 helicópteros e 1 avión. 

Desde a Consellería do Medio Rural recórdase que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, toda a información actualizada sobre incendios forestais pode ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085

Comentarios