David Rodríguez: ''Miña nai, miña moza e miña sogra dánme a inspiración''

Chegou o día de ter que emprender unha viaxe a outra cidade distinta da túa para poder estudar o que che gusta. Adeus á comida de pucheiro de mamá e ás comodidades. Benvida a independencia.

Son as seis da tarde e ás dez veñen os meus invitados a comer. Faise tarde e por máis que busco pola rede e nos libros de cociña non atopo ningunha receita que me convenza. Son moi complexas e os ingredientes coas que as elaboran son moi difíciles de conseguir. ¿Que fago?

No primeiro dos casos temos a David Rodríguez Vila. Un lucense que tivo que independizarse, como moitos outros galegos, para estudar a carreira que lle gustaba; neste caso a de INEF. Como non se manexaba moi ben á hora de cociñar, decidiu enfrontarse ao problema e creou, o 28 de xaneiro do ano pasado, o blog recetasparatontos.com, grazas ao apoio da súa moza e da súa familia.

No segundo, sería unha persoa hipotética que ten que preparar unha comida e non sabe moi ben por onde empezar. Pero unha vez que visite esta web as súas dúbidas quedarán despexadas. Xa que neste blog gastronómico ''os usuarios poden atopar receitas moi fáciles explicadas mediante vídeos dun minuto de duración'', segundo explica o seu creador, David Rodríguez.  

Pero non é o único. Xa que nesta bitácora pódense atopar outro tipo de cousas como información nutricional ou curiosidades relacionadas co mundo culinario.

                     

Aínda que para este lucense non todo foi pan comido, xa que tivo que aprender a cociñar moitos pratos para poder publicar como se elaboraban na súa bitácora. As receitas que máis se lle resistiron foron ''o roscón de Reis e as rosquillas porque non estaba afeito a amasar'', relata o creador de Recetasparatontos. En cambio, a pechuga de polo ao forno con bacon e queixo está entre as súas especialidades.

''Miña nai, miña moza, miña sogra e os amigos foron a miña inspiración á hora de publicar os pratos porque son os que me dan as ideas culinarias'', tal e como explica Rodríguez. Os usuarios deste blog tamén lle piden consello a este chef a través de Facebook e de Twitter. ''O outro día os usuarios querían que lles explicase algunha receita con pavo ao forno e outra usuaria quería que lle explicase como se elaboraba o polbo á galega porque sempre que ía a casa da súa avoa lle pedía que llo fixese'', engade este lucense.

Recoñecementos
Recetasparatontos.com leva un ano na rede, xa que se creou o 28 de xaneiro do ano pasado, e non parou de recibir premios. O primeiro, foi o de Blogueros cocineros 2011, outorgado polo Canal Cocina e, o segundo, o de 20 blogs, polo diario 20 minutos. Rodríguez cre que o que os usuarios valoran na súa bitácora é que ''aínda que hai moitos blogs de cociña moi poucos teñen vídeos porque leva bastante tempo gravalos, editalos e subilos''.

Este lucense está moi satisfeito coa acollida que está a ter na rede porque ''as visitas non paran de crecer''. O creador de recetasparatontos.com compaxina o seu traballo coa actualización deste espazo culinario, xa que, tal e como sinala, Rodríguez ''a miña xornada laboral é parcial e permíteme subir unha receita á semana. Normalmente, emprego unha hora ao día para publicar contidos porque teño que gravar e editar os vídeos''.

Proxectos
Rodríguez non espera formarse no ámbito gastronómico porque el xa terminou os seus estudos e o blog gastronómico é un hobby. Actualmente, está a cambiar o deseño da bitácora ''por completo''; tal e como explica o seu creador, Recetasparatontos ''antes estaba aloxado en Blogger e agora vouno a lanzar a un servidor propio no Wordpress. No futuro gustaríame crear unha aplicación para iPhone para que os usurios poidan consultar as receitas mentres están a cociñar''.

 

Comentarios