Dez detidos por roubar en polo menos vinte vivendas da provincia da Coruña

Entraban en casas de zonas rurais para subtraer diñeiro, xoias, teléfonos móbiles, televisións e incluso radiadores

A Garda Civil desarticulou unha banda á que se lle imputan polo menos unha vintena de roubos na provincia da Coruña nun operativo que se saldou con dez detidos.

A Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil da Coruña actuou contra este grupo criminal composto por mozos de entre vinte e trinta anos, todos eles naturais e veciños da Coruña e pobos limítrofes que se dedicaban ao roubo de domicilios habitados en zonas rurais.

Aproveitaban a ausencia dos moradores das vivendas e entraban nas casas a través dunha porta ou unha fiestra que romperan previamente cunha pedra. Facíano para subtraer principalmente diñeiro en efectivo e xoias, aínda que tamén se facían con teléfonos móbiles, televisións, videoconsolas e incluso radiadores.

Os roubos foron perpetrados de xeito maioritario nas poboacións de Abegondo, Carral e Ordes, nun caso que investiga o xulgado de instrución número catro da Coruña. En tres rexistros puidéronse atopar numerosos efectos procedentes de roubos, que serán entregados aos seus lexítimos donos.

Comentarios