Doce importadores internacionais destacan a calidade dos viños de Rías Baixas

Doce importadores internacionais (2 de Estados Unidos, 6 de Rusia, 2 de Canadá, 1 de Bélxica e outro de Lituania) participaron esta tarde nunha mesa de traballo con 21 adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas celebrada no Pazo de Mugartegui (Pontevedra). Unha mesa de traballo na que estes profesionais, que se atopan en Galicia participando no Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat), destacaron a gran calidade dos viños amparados por este D.O.

De feito, estes importadores puntuaron por encima dos 85 puntos (nunha escala sobre 100) aos 21 viños que se lles presentaron durante esta xornada de traballo. Ademais, estes profesionais destacaron que os viños de Rías Baixas presentan unha gran calidade e que esta calidade é homoxénea, independentemente da marca. Así mesmo, sinalaron que, aínda que xa coñecían estes albariños, esta visita serviulles para ampliar os seus coñecementos no número de marcas amparadas pola DO Rías Baixas e coñecer alternativas diversas en prezo, algo moi interesante nestes tempos de crise económica.

Finalmente, estes profesionais encomiaron a forma de traballar na Denominación de Orixe e, especialmente, no xeito na que se organizou esta mesa de traballo. Unha iniciativa incluída dentro das actividades programadas dentro de Salimat, salón no que a DO Rías Baixas estará presente ata o domingo a través da caseta da Consellería de Medio Rural. Ademais, oito adegas desta denominación de orixe acoden a esta cita baixo o paraugas do D.O. Rías Baixas cunhas casetas modulares.

Comentarios