Economía e Industria promociona os viños galegos en Alemaña e China

A consellería de Industria, a través dos centros de promoción de negocios (CPN) que o Instituto Galego de Promoción Económica ten en Alemaña e en China, comprométese a impulsar medidas de promoción dos viños galegos en ambos os países. O obxectivo do departamento autonómico é abrir novos mercados internacionais para os produtos agroalimentarios da comunidade, neste caso para os viños.

Así, este luns desenvolverase unha presentación de caldos da denominación de orixe de Ribeiro na cidade de Colonia, e o martes promocionaranse os mesmos viños nun evento no Hamburgo. Participarán en total 10 adegas desta denominación de orixe, que presentarán os seus produtos a importadores, almacenistas e comerciantes polo miúdo de cadeas de alimentación, así como a representantes da hostalería e da restauración.

Así mesmo, o centro de promoción de negocios do Igape en China organizará o evento 'Galicia wine fine dinner', que se desenvolverá o 13 de novembro e que servirá para presentar un conxunto de viños e licores galegos que se comercializan na actualidade na República Popular de China.

Comentarios