O 90% das castañas que se producen no Courel non son recollidas

O 90% das castañas que se producen no Courel quedan sen recoller, na comarca que atesoura o maior número de castiñeiros por quilómetro cadrado de Galicia. Así o expuxo o portavoz da asociación Fonte do Milagre, Evaristo Méndez, que programou para o próximo 6 de decembro, domingo, a XI Festa da pisa da castaña. Nesta comarca recóllense agora, aproximadamente, entre 20 e 30 toneladas de castañas, o que non supón máis aló dun 10% das que se producen nos sotos do Courel.

Con este evento quérese recuperar a tradición do secado natural da castaña e a posterior eliminación da pel que recubre o froito, para o que han de golpearse os froitos unha vez introducidos nun saco.

A festa comezará ás 12.00 horas co aceso da zona para secado e a súa posta en funcionamento; logo haberá unha demostración do pisado e unha hora máis tarde terá lugar o pregón a cargo dos actores galegos, Pepe Penabade e Corda Campoy. Ás 14.30 horas haberá unha comida elaborada con castañas secas e cocidas, acompañadas de produtos do porco e sobremesa feita de castaña.

Comentarios