Dieta atlántica, infalible para vivir máis e mellor

O libro "Yantares gallegos: historia de la dieta atlántica" e a súa versión en galego e resumida "A mesa e os manteis" está nas librerías dende hai dous meses con case 3000 exemplares en total, editado o primeiro pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Asociación Galega de Estudos da Dieta Atlántica (ASGAEDA) e o segundo na colección "Mandaio" da editorial "Biblos".
 
A súa presentación en Baiona (Pontevedra) o dia 13 de agosto de 2010 contou co autor e representantes dos promotores como o presidente de ASGAEDA e catedrático endocrinólogo Aniceto Charro, o vicerreitor da USC Francisco González García e outras autoridades como o alcalde da vila Jesús Vázquez Almuiña.

Historias de 2000 anos de comida e bebida

O profesor de Historia Contemporánea da USC Xavier Castro é autor de varios libros relacionados coa alimentación e a cociña en Galicia baseados en investigacións antropolóxicas e sociolóxicas do autor que tamén centrou algunhas das súas obras no mundo do viño como a anterior a "Yantares gallegos" que foi "A rosa do viño. Cultura do viño en Galicia" editado por Galaxia en 2009.

Na súa explicación do último libro, Castro descartou afirmacións como a que relaciona a aparición dos viñedos en Galicia coa chegada dos romanos e a súa extensión cos monxes cistercienses e dixo que antes de chegar os romanos había viño "aínda que descoñecemos a orixe, por exemplo, do albariño pero si presenta similitudes con variedades do Rhin".

Os galegos dos castros, segundo o autor, bebían viño en ocasións moi especiais e outra bebida fermentada do tipo da cervexa, segundo as evidencias arqueolóxicas, aínda que si é certo que os romanos trouxeron ao noroeste español variedades como "a caíño", "treixadura" ou "torrontés", entre outras.

O profesor universitario aludiu a alimentos tan tradicionais como as "filloas", o "polbo á feira", o pan, a empanada, as conservas a base de afumado, secado ou salgado, castañas e "papas de millo" para explicar a súa aparición en relación con cultivos galegos ou cos chegados de América a partir do século XVIII, como a pataca, o tomate, o millo e outros.

O pan de festa ou "filloas", o pan centeo e o pan branco

Xavier Castro dixo que no século XVII, só as familias acomodadas europeas coñecían o garfo, instrumento que non se xeneralizou ata o século XX "así que se comía coas mans e as filloas facían o papel de pan nos días de festa pola súa facilidade para comelas, mentres que se consumía pan centeo para as comidas de diario e pan branco ou de trigo nas casas dos ricos".

A historia do pan galego completarase coa chegada do millo, que entrou en Europa polas Rías Baixas e en pouco tempo, transformou a paisaxe e a dieta de Galicia, ademais de crear unha riqueza que favoreceu o desenvolvemento do barroco galego en mosteiros e catedrais.

"Todo aproveitábase e eran tempos difíciles pero nada indica que en Galicia se pasase máis fame que no resto de España e Europa pois iso foi así en todas partes ata que as melloras tecnolóxicas permitiron conservar os alimentos durante máis tempo e así poder repartir o seu consumo durante todo o ano" agregou.

A "dieta atlántica" creada polas galegas é infalible para ter saúde e vivir máis

O caldo que aúna vexetais, carnes e graxa, o pementón chegado de América e que fixo máis coloridos e apetitosos os fiames tradicionais, as patacas e centos de alimentos foron elaborados por campesiñas galegas "que comían e bebían menos que os homes" pero fraguaron fórmulas culinarias exitosas que hoxe son garantía de saúde, atractivo turístico e referente fundamental na identidade de Galicia, segundo Castro.

Ese elemento de indentidad inclúe, segundo o profesor, costumes como comer amodo e outras que propiciaron que a penetración doutras formas para comer fose moito menor en Galicia que no resto de España.

Tamén aludiu aos tallaxes de mozos que comezaron a facerse no século XIX, coa aparición do servizo militar obrigatorio e sinalou que os documentos indican que os galegos tiñan unha envergadura semellante á media -salvo dúas provincias que superaban esa media- o que é a mellor mostra de que a "dieta atlántica" nunca foi inferior a outras formas de comida.

Pola súa banda, o presidente de ASGAEDA, Aniceto Charro, aludiu a un estudo realizado por La Caixa de Catalunya antes do verán de 2010 no que se evidenciou que en Galicia e norte de España a lonxevidade media é cinco anos máis que no resto de España.

"Os galegos temos que seguir comendo o que comemos sempre porque é bo, só hai que melloralo sen envexar nada á máis famosa dieta mediterránea baseada, entre outros, no consumo de aceite de oliva, algo que en Galicia tamén abundou e que suma os seus beneficios aos do aceite de peixe das nosas costas", agregou.

Apelou a aquelas empresas conserveiras galegas que baixo as súas latas indican que o contido, por exemplo, de sardiñas é "de dieta mediterránea" para que non cometan o erro de desdeñar ese peixe como elemento de "dieta atlántica" pois en realidade identificalo así sería un "plus".

Comentarios