O Concello de Navia repartirá 300 quilos de androlla na festa do 10 de febreiro

O Concello de Navia de Suarna repartirá 300 quilogramos de androlla na próxima festa que se dedicará a este embutido propio do municipio. A degustación será gratuíta e supón un dos maiores atractivos da cita gastronómica, que cumpre este ano a súa vixésima terceira edición.

A festa da androlla de Navia de Suarna celébrase cada ano no fin de semana de Entroido. Nela, os produtores cárnicos da comarca dos Ancares ofrecen os seus peculiares embutidos, elaborados segundo a receita tradicional que pasa de pais a fillos nesta zona da montaña lucense.

CLIENTES FIEIS

A calidade destes produtos asegura cada ano unha gran afluencia de público á celebración. Os consumidores de androlla son fieis e incluso realizan encargas nos postos de venda dun ano para outro.

Ademais dos vendedores de embutidos variados, no recinto feiral, que se instala na praza do pobo, haberá tamén postos de panaderías artesanais, licores, queixos, mel e todo tipo de produtos de alimentación propios da zona. Haberá, ademais, presenza de postos de artesanía e outros útiles.

O Concello de Navia mantén aberto o prazo de inscrición para os vendedores que queiran instalar os seus postos. Poden anotarse ou solicitar información nas oficinas municipais ou a través do número de teléfono 982.36.51.66. Os organizadores calculan que haberá ao redor de medio centenar de postos.

Estarán abertos a partir das dez e media da mañá e a degustación gratuíta de androlla está previsto que comece á unha da tarde.

A xornada estará amenizada por un grupo de gaitas de Verea.

Comentarios