O departamento técnico do consello reguladore do D. O. Rías Baixas ultima os preparativos para a vendima

O Consello Regulador do D.O. Rías Baixas prepárase para o inicio da campaña de vendima 2009. Neste momento, os servizos técnicos do Consello Regulador ultiman o período de formación dos 70 veedores que se encargarán de realizar o control da entrada de uva de adegas, nas leiras e no transporte; así como da cantidade de quilos de uva autorizados a cada viticultor inscrito, tal e como inclúen os seus cartóns identificativos.

Segundo informa o departamento técnico do Consello Regulador do D.O. Rías Baixas a uva atópanse en bo estado, a gradación é alta e a acidez é correcta. Se se mantén o bo tempo a próxima semana, durante ela a uva podería alcanzar o límite de madurez adecuado no froito, previo ao comezo da vendima. A campaña 2009 en Rías Baixas podería comezar a semana do 14 de setembro nas subzonas do Rosal e o Condado do Tea, para posteriormente sumarse o resto de subzonas (Ribeiro do Ulla, Val do Salnés, Soutomiaor).

Como novidade, a campaña 2009 rexerase polo novo regulamento da Denominación de Orixe, xa en vigor, que permite unha produción máxima de 12.000 quilos por hectárea para a variedade albariño. No caso das demais variedades o rendemento ascende a 12.500 kg. e nas tintas a 10.000 kg.

Neste momento, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas conta con 3.696 has., 6. 557 viticultores e 195 adegas adscritas.

Comentarios