O festexo máis 'bonito' de Burela

Cartel de la edición de 2008 (S.C.R. Ledicia)
photo_camera Cartel de la edición de 2008 (S.C.R. Ledicia)

A organización da XXIV Feira do Bonito de Burela (Lugo) calcula que durante esta celebración, declarada de interese turístico e que terá lugar o vindeiro sábado 2 de agosto, serviranse unhas 4.000 racións deste peixe, a un prezo de 6 euros cada unha. As porcións inclúen bonito asado á grella, cocido e empanada. O viño, gratis.

Segundo Rocío Rivera, presidenta da Sociedade Cultural e Recreativa “Ledicia”, que organiza a festa en colaboración co Concello de Burela e outras entidades, a previsión de visitantes é dunhas 10.000 persoas, para as que se prepararán máis de 3.000 quilos de bonito.  Todo –destaca a máxima responsable de Ledicia– “grazas ao esforzo desinteresado de moitas persoas da asociación, que se mllan para que a festa sexa un éxito”.

A degustación iniciarase ás sete e media da tarde do sábado na chaira do porto burelense. Media hora antes lerá o pregón José Palacios Aguilar, Vicepresidente da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) e profesor da Universidade da Coruña.

Programa
O programa desta edición arrincará pola mañá, ás once, coa segunda edición de Xogos “da Costeira” (xogos e deportes tradicionais); ás dúas do mediodía haberá sesión vermú, con música en directo e degustación de petiscos de bonito; xa pola tarde, a partir das catro, terá lugar un obradoiro sobre instrumentos populares vascos na Casa de Cultura, da man do proxecto O+Hatz.

Ás sete menos dez da tarde está prevista a presentación da feira, coa entrega de trofeos da Regata Náutica “Premio Príncipe Azul”; o nomeamento de José González Díaz “Brais”, como “Asador Maior”; de Elva Vispo Moreno como “Colaboradora de Honra” e o recoñecemento a Belén Mogo Legaspi, en calidade de autora do cartel desta XXIV edición.

O programa de actos complétase coa verbena, a partir das nove da noite, e o segundo concerto “Arranchando Culturas”, que será na chaira do porto a partir das once. Neste evento participarán Iñaki Praza e Ion Garmendia, de Euskadi; Lles Trompettes du Mozambique, de Bretaña e Os Tres Trebóns, de Galicia.

Comentarios