Pingas para o café...en dose

Javier Peláez con un puñado de dosis de ''Las gotas del marqués''
photo_camera Javier Peláez con un puñado de dosis de ''Las gotas del marqués''

A historia da adega "Marqués de Vizhoja" de Arbo ten dous comezos, un corresponde ao empuxe empresarial do avó Mariano Peláez Muñoz que nos anos 50 escapou da casa familiar en Castela-León para establecerse como tabernero en Bouzas, moi preto de Vigo. Na taberna vendía unhas mil "chiquitas" de viño Condado cada día e vixiaba de cerca ao seu fillo co que discutía polo seu empeño en "retocar" o viño facéndoo pasar por un serpentín de frío para melloralo.

O segundo momento clave para a empresa familiar estivo protagonizado por Mariano Peláez fillo que seguiu coa taberna, pero os domingos pola tarde, durante o descanso do negocio, probou coa venda de viño a granel, logo embotellado por el mesmo, ou a repartición de pitos asados a domicilio en moto "Lambretta" ata que se decidiu a inaugurar un marquesado imaxinario, hoxe rexentado conxuntamente cos seus fillos Javier e Jorge.

O marqués imaxinario de Vizhoja

Javier Peláez -fillo e neto dos Marianos emprendedores- iniciou a súa relación co mundo do viño aos 17 anos, segundo explicou a GG, e recordou que o seu pai participou nun concurso en Madrid convocado pola Unión Española de Catadores, no que conseguiu tres premios cuxo símbolo era unha figura dunha folla de vide.

"No acto de entrega había moitos marqueses adegueiros así que o meu pai decidiu que a partir dese momento, sería o marqués da folla de vide, ou de Vizhoja, así que o rexistrou e quedou como nome da adega e dos primeiros viños propios elaborados aínda cunha mestura de variedades, polo que non están amparados pola denominación de orixe Albariño Rías Baixas", aclarou.

De regreso do acto de entrega dos premios, Mariano Peláez ideou o logotipo da súa empresa coa forma da folla de vide e a viaxe en tren a Vigo tamén foi suficiente para trazar un proxecto de distribución de viños ata as principais cidades de destino dos emigrantes galegos, como Madrid, Barcelona, Buenos Aires e outras en Venezuela, Suíza e Bélxica.

Do logotipo do marqués ao pazo

En 1975 Mariano Peláez fillo comprou nove hectáreas de terreo e o pazo "A Moreira" aos herdeiros do marqués que vivía en Arbo, rodeado de cultivos de viño e tabaco e cun gran alcornoque na entrada principal. O tabernero transformou o secadero de tabaco en adega, e o pazo en sede do marquesado, con novas plantacións de viñedos de uvas albariñas, "quizá as primeiras de toda a comarca", engadiu o seu fillo Javier.

O pai de Javier foi un dos primeiros promotores da denominación de orixe vitícola "Albariño Rías Baixas" aínda que mantén a súa produción non amparada, con 1,5 millóns de litros na colleita do último ano, con marca "Marqués de Vizhoja".

Ademais, a adega produce viños con D.O. que enchen de albariño as 300.000 botellas de "Torre la Moreira" e as 10.200 de "Señor de Folla Verde".

A longa historia da adega e a transformación das intalaciones do pazo inicial deixaron inutilizadas, pero ben conservadas, prensas e envasadoras que formarán parte dun "Museo do Viño", que xa está na mente da terceira xeración de adegueiros, integrada por Javier e o seu irmán Jorge.

Do pazo á destilería

Eles e o seu pai Mariano serán tamén os artífices dunha nova etapa na que a adega elaborará destilados, sobre todo augardente que xa comercializan envasado en bolsiñas dunha dose, con 5 mililitros que equivalen ás tradicionais pingas de "cana " ou "augardente blanca" para o café.

Segundo Javier, o plan é que toda España substitúa as pingas sen nome que melloran o café de calquera sobremesa, polas "Gotas del marqués" que estarán en breve no mercado.

As bolsiñas monodosis tamén conterán crema de augardente, ou o  "brandy" necesario para elaborar un "carajillo", o ron máis socorrido na zona mediterránea ou o anís utilizado no sur da península.

"Aos poucos queremos introducir esta cultura da augardente e crema galegos, para ir desprazando a das pingas anónimas".

A primeira produción comercializada sairá no verán e a promoción irá da mao da galega Paula Vázquez.

Comentarios