O mosteiro de Samos recuperará este ano a produción do licor Pax

El prior del monasterio, José Luis Vélez, en la nave de Viladetrés que será rehabilitada (Foto: VILA)
photo_camera El prior del monasterio, José Luis Vélez, en la nave de Viladetrés que será rehabilitada (Foto: VILA)

Dezasete anos despois do peche da destilería do mosteiro de Samos, a comunidade benedictina retomará a produción do afamado licor Pax, cuxa fórmula secreta, con 500 anos de historia, custodian os monxes.

A recuperación do licor forma parte dun proxecto máis amplo, no que tamén se contempla a fabricación de queixos da denominación de orixe do Cebreiro e a elaboración artesanal de marmeladas e outros doces con produtos típicos da zona.

O lugar elixido para iso é unha nave duns 420 metros cadrados de superficie propiedade da abadía e situada no lugar samonense de Viladetrés. Estas mesmas instalacións foron as que albergaron no seu día a licorería, que deixou de funcionar en 1996 pola conxunción de varios factores: a baixada das vendas, a redución do número de monxes asentados en Samos e a subida dos impostos que gravaban o alcol.

Nos próximos días comezarán xa as obras de reforma da nave, que se prolongarán ata o mes de outubro. O obxectivo é empezar a producir «a partir de novembro», explica o prior do mosteiro, José Luís Vélez.

Os produtos comercializaranse baixo a marca Gran Despensa Real Abadía de Samos, un proxecto «tipo cooperativa», do que forman parte a comunidade benedictina e outros socios particulares.

As instalacións dividiranse en varias partes. Unha delas estará dedicada á elaboración do Pax -«que será o rei», apunta o prior- e outras clases de licores a base de café, bagazo ou herbas. Outra sección destinarase fabricación de queixos do Cebreiro e unha terceira a marmeladas e doces para o que se usarán materias primas como castañas ou noces.

GRANXA

Segundo José Luís Vélez, a produción comezará aos poucos, primeiro co traballo dos socios, ampliable no futuro á contratación de máis persoal. Utilizarán tamén o leite das vacas que forman a granxa do mosteiro e, en base á demanda, comprarán a outros gandeiros do lugar. «A nosa idea é priorizar sempre a axuda aos veciños do concello e a comarca», afirma.

«Queremos facer algo diferente, non ser competencia do que xa existe. A nosa fixación é elaborar produtos de calidade», engade Vélez. Segundo comenta, as canles de distribución pasarán por tendas especializadas en lácteos, restaurantes e a propia portería do mosteiro, ademais de estar presentes noutras abadías.

O licor Pax, que nos anos 40 e 50 era xa unha marca coñecida en España, tiña na súa orixe unha gradación de 42º e, non só era elaborado polos monxes, senón que estes tamén se encargaban de lacrar cada botella e etiquetarla. Nunha segunda etapa baixou a súa gradación ata os 34º e viviu tempos de maior distribución.

Preto de 40 plantas destiladas e froitos secos empréganse na elaboración deste licor, ao que se atribúen propiedades dixestivas e cuxa fórmula segue sendo exclusiva dos monxes de Samos.

As instalacións contarán cunha aula didáctica

Parte da nave de Viladetrés será acondicionada como aula didáctica, para recibir a colexios e mostrarlles o proceso de elaboración destes produtos, así como o potencial agrícola e gandeiro do municipio de Samos e a súa contorna, explica o prior do mosteiro.

Segundo avanza, a aula didáctica contará con capacidade para medio centenar de persoas e disporá de medios audiovisuais para facer proxeccións.

Historia

O funcionamento da licorería do cenobio está documentado xa a principios do século pasado. Durante moitos anos a destilería funcionou no propio mosteiro, ata que, o 24 de setembro de 1951, un incendio orixinado nesta parte da abadía sementou o caos e a destrución.

Tras anos de inactividade, o 4 de outubro de 1971 inauguráronse as novas instalacións en Viladetrés. A súa construción foi posible grazas ao financiamento achegado por Luís Núñez R. de Larramendi, que era oblato do mosteiro e de quen se conserva un busto.

Comentarios