O Montero de Vilalba loce a Q de calidade

ENTRE Os moitos premios recibidos, o restaurante Montero de Vilalba estreou este ano a Q de calidade. Este galardón foille entregado na Feira Internacional de Turismo (Fitur) de Madrid. O negocio que rexenta Manuel Montero Cabanas merece esta lombeirada pola súa traxectoria e as súas impecables instalacións. á ampla variedade de salóns de diferente capacidade únese a exquisitez, o coidado e a calidade coa que elaboran os seus pratos. O establecemento non só goza dun recoñecido prestixio como lugar de celebración de vodas e eventos, senón que conta cun acreditado restaurante, cunha inigualable oferta de peixes e mariscos frescos e unha ampla carta de carnes, ademais dun abundante e saboroso menú do día.

Restaurante Montero, Vilalba

Manuel Montero, preparando un capón

UNHA SAGA

Manuel Montero pertence a unha segunda xeración de restauradores. As súas raíces familiares están no restaurante Montero de Mondoñedo. Con 14 anos xa acompañaba ao seu pai a comprar peixe do día ás lonxas mariñás. Con tres décadas de experiencia, coñece perfectamente os produtos pesqueiros. Non é de estrañar que a súa robaliza rechea de marisco ou ao forno sexa realmente sensacional, aínda que na carta non faltan tampouco o mero, o rodaballo, o rape ou a pescada do pincho. Iso sen contar a variada oferta de mariscos.

As carnes superan tamén as expectativas máis esixentes, desde o solombo de tenreira ao segredo de porco ibérico, sen esquecer o capón ao estilo Montero, todo un referente na preparación desta galinácea elevada a símbolo da gastronomía chairega. Manuel Montero pasa o capón pola tixola cun pouco de fariña. Despois introduce a ave nunha cazola de barro, co condimento de pemento vermello, verde, cebola, cogomelos e castañas. O capón e os seus aderezos pásanse pola tixola onde estivo rebozándose, antes de introducilo na cazola, cun chorro de coñac e outro de viño tinto. Alí cócese a lume lento durante un par de horas. Este prato pode acompañarse logo de arroz ou pataca cocida ou braseada.

SOBREMESAS

Á hora das sobremesas, o restaurante Montero exalta outro produto local con denominación de orixe, o queixo de San Simón. A torta de queixo ao estilo siciliano faise con este lácteo, afumado con madeira de bidueiro.

O roscón de Vilalba, a versión vilalbesa da tarda de améndoa, é outra das sobremesas de referencia entre os moitos de elaboración propia que preparan neste establecemento.

Xunto á súa intensa actividade diaria, con comensais que optan polo menú do día na cafetería e outros que pasan ao comedor para gozar da carta, se por algo destaca o Montero é polas súas extensas instalacións. O conxunto dos restaurantes, distribuídos polas distintas plantas, suman máis de 900 prazas. Son seis comedores con capacidades que oscilan entre as 40 e as 200 persoas.

GUÍA PRÁCTICA

Como chegar

O Montero está na Casilla, 12, en Goiriz, na N -VI.

Para chegar hai que desviarse desde a A-8 cara á N-VI no acceso a Goiriz, ou desde o acceso desde a autovía ao polígono industrial vilalbés, a autovía a Ferrol e a N-VI.

Contacto

O teléfono do restaurante é o 982.511252.

Saber máis:
www.restaurantemontero.com

Comentarios