O sexto 'Cume Tapas' arrinca este venres en Monforte

O sexto concurso de tapas de Monforte, certame coñecido como Cume Tapas, que comeza este venres e prolongarase ata o día 1 de xuño, congregará finalmente a 33 establecementos hostaleiros da cidade.

Desde a organización, a delegación da asociación provincial de empresarios de hostalería, indicaron que a última hora caeu da lista un dos participantes debido á imposibilidade de ter o establecemento listo para esas datas, pois está a realizar reformas. Trátase da cafetería Enjoy Holiday, situada na Compañía.

O concurso contará con dous sorteos entre a clientela con importantes premios en xogo. Os que completen o chamado pasaporte cos selos de todos os establecementos poderán conseguir unha viaxe para dúas persoas, que podería ser un cruceiro ou un tour por Europa.

Doutro lado, os que enchan as papeletas para votar as tapas cun mínimo de seis selos doutros tantos locais optarán a agasallos como un fin de semana nunha casa de turismo rural.

As tapas que se poderán degustar no concurso custarán este ano 1,20 euros, o que supón un incremento de 20 céntimos con respecto ao anterior. A delegada da asociación de hostaleiros sinalou que a subida «está perfectamente xustificada», porque os hostaleiros non tiñan moito marxe para facer tapas diferentes ás cotiás e a un euro cada unha non cubrían os custos de elaboración.

Comentarios