Enotur: Unha viaxe a través do viño e a gastronomía

Galicia converterase no referente mundial do Enoturismo entre o 5 e o 8 de decembro. Pontevedra, capital das Rías Baixas, berce do Albariño e sede da recentemente creada Asociación Galega de Enoturismo, acollerá o próximo mes de decembro o I Salón de Enoturismo de España, Enotur 2009.

Trátase dun Foro Expositivo absolutamente comercial, aberto ao público, con carácter itinerante e internacional e dirixido ao sector privado do enoturismo. O país invitado da primeira edición deste gran mercado do turismo e o viño será Portugal, país que mantén uns grandes lazos culturais, afectivos e empresariais con Galicia.

No 2010 Galicia celebra o próximo Ano Santo. Así pois, Enotur converterase nun gran escaparate para realizar o primeiro gran chamamento a visitar Galicia e a gozar do Xacobeo 2010.  Ademais, o Salón acollerá unha presentación pública da ruta do viño do Camiño de Santiago.

O enoturismo está de moda
Ao redor do viño existe toda unha filosofía, un estilo de vida e un xeito de viaxar. Cada vez son máis os que se senten atraídos polo movemento do turismo enolóxico, por vivir e experimentar a cultura do viño en primeira persoa.

Ao fío desta tendencia, e co fin de achegar ao público a ampla e atractiva oferta do turismo enológico, nace Enotur. A única iniciativa en España que ofrece, en exclusiva, unha visión popular do viño como referente turístico e fío condutor de centos de actividades e viaxes.

Comentarios