Festa da Filloa de Lestedo

Imágenes de la edición de 2008 (Otto/AGN)
photo_camera Imágenes de la edición de 2008 (Otto/AGN)

O Consello da Xunta declarou o 24 de xaneiro de 2008 a Festa da Filloa de Lestedo, no concello coruñés de Boqueixón, como Festa de Interese Turístico de Galicia. A celebración ten lugar todos os anos o domingo seguinte ao martes de Entroido.

Para adoptar esta decisión, a Comisión de Valoración, presidida pola Dirección Xeral de Turismo, tivo en conta características talles como a antigüidade e arraigamento da celebración, ademais da súa singularidade, xa que está centrada nun produto exclusivamente galego.

A peculiaridade desta cita anual está marcada polo seu labor de promoción e conservación da cultura, mediante a incorporación á mesma dos 'altos' e 'atranques' dos xenerais e Correos do Entroido do Ulla, a promoción do folclore galego e unha selección de xogos tradicionais.

Máquina ‘filloeira'

é igualmente destacable a promoción da creatividade, a través do xa tradicional concurso de carteis e da 'máquina filloeira', única na comunidade. Trátase dun dispositivo circular que permite elaborar de xeito simultáneo unha gran cantidade de filloas, sen a cal resultaría moito máis complexo atender a gran demanda de comensais.

Outro elemento que se tivo en conta é o seu valor cultural, por tratarse dunha festa que, ademais de exaltar este produto tan típico, foise convertendo, co paso do tempo, nun instrumento para a conservación e a posta en valor de diversas tradicións culturais do Ulla e de Galicia.

Comentarios