Festa do Polbo do Carballiño

Pulpo "á feira" (Galicia Gastronómica)
photo_camera Pulpo "á feira" (Galicia Gastronómica)

A Festa do Polbo do Carballiño (Ourense) é, sen dúbida, a cita de referencia do calendario estival de celebracións gastronómicas no interior de Galicia. Declarada de interese turístico, ten lugar cada segundo domingo de agosto.

A asistencia aproximada ás últimas edicións, segundo os organizadores, é dunhas 60.000 persoas, que se apiñan -a modo de picnic masivo- no parque municipal da localidade para degustar este prato, usualmente acompado polo exquisito pan de cea e regado con viños tinos da veciña zona do Ribeiro.

O polbo á feira, ao estilo tradicional, é o rei da festa. Cocido en grandes perolas de bronce, sérvese empapado en aceite e cun xeneroso achegue de sal (preferentemente gorda) e pemento (doce ou picante, para quen prefira emocións fortes).

Pulpeiras
E se o polbo é o rei, as verdadeiras raíñas oficiosas da celebración son as pulpeiras da parroquia de Arcos, famosas pola súa mestría á hora de preparar un prato que, aínda que procedente do mar, atopou no interior de Galicia o seu sancta sanctorum, grazas en gran medida ao seu tradicional consumo masivo nas feiras e mercados locais (de aí a denominación de Polbo “á feira” para a preparación máis popular).

Polo demais, a festa goza dun gran tirón en toda Galicia e, quizais por iso, como ocorre con outras de similar relevancia dentro da Comunidade Autónoma, adoita converterse, tamén, en punto de encontro de políticos de diferente cor.

Comentarios