Festa do Queixo de Arzúa

Cartel de la edición de 2008 (Galicia Gastronómica)
photo_camera Cartel de la edición de 2008 (Galicia Gastronómica)

Nun país como o galego no que a vaca é pouco menos que un animal sacro, non podía faltar unha festa de referencia dedicada a exaltar o derivado lácteo por excelencia, o queixo. A de Arzúa (A Coruña) non é, por suposto, a única celebración dedicada ao queixo en Galicia, pero si é a única que alcanzou o grao de festa “de interese turístico”.

Ten lugar cada primeiro domingo de marzo e o seu principal atractivo consiste en ofrecer a posibilidade de comprar e/ou degustar os queixos da Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa, unha das catro que existen na Comunidade Autónoma.

O programa da festa inclúe tamén un festival musical que nos últimos anos alcanzou un gran nivel, actuacións de teatro de rúa, actividades para os máis pequenos e un orixinal concurso de tapas, organizado polo Concello en colaboración co Consello Regulador da DO Arzúa-Ulloa, no que participan con verdadeiro entusiasmo os hostaleiros da localidade.

Comentarios