Figueroa e Reguera presentan en Vigo a III Semana Gastronómica de Arcade

Esta mañá o Vicepresidente da Deputación de Pontevedra e Presidente de Turismo Rías Baixas, José Manuel Figueroa, o Alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, e a Presidenta da Asociación de Empresarios de Arcade Soutomaior, Milagres Rivas, presentaron na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo a III Semana Gastronómica de Arcade e a III Ruta do Petisco que terán lugar do 22 ao 28 de xuño en devandita localidade.

Agustín Reguera, Alcalde de Soutomaior, comezou a quenda de intervencións agradecendo a colaboración prestada por Turismo Rías Baixas- Deputación de Pontevedra na promoción da III Semana Gastronómica de Arcade. Igualmente aproveitou a oportunidade para destacar que esta é ''unha excelente iniciativa do sector empresarial, hostaleiro e turístico de Arcade que leva tres anos organizando con moito éxito a Semana Gastronómica''. O Alcalde finalizou a súa intervención destacando que se trata dun ano complicado pero esperamos que esta iniciativa, que propón por un prezo de 80 euros degustar un menú de gran calidade para dúas persoas, permita contribuír a mellorar a situación en Arcade''.

Pola súa banda, Milagres Rivas, Presidenta da Asociación de Empresarios de Arcade Soutomaior, fixo fincapé na colaboración prestada por Turismo Rías Baixas-Deputación de Pontevedra nesta iniciativa na que están involucrados practicamente todos os hostaleiros de Arcade.

O Vicepresidente da Deputación de Pontevedra e Presidente de Turismo Rías Baixas, José Manuel Figueroa, pechou a quenda de intervencións destacando a importancia desta acción ''para o impulso da gastronomía como factor de atracción turística''. Unha actuación que vén, ademais ''a manifestar o compromiso do Alcalde de Soutomaior co sector turístico''. Igualmente Figueroa destacou que ''desde a Deputación de Pontevedra estamos satisfeitos de sumarnos a esta iniciativa, coa que xa colaboramos o ano pasado, xa que consideramos fundamental que a administración pública e o sector privado traballen unidos na potenciación dun dos grandes atractivos turísticos das Rías Baixas: a gastronomía. Ademais, non podemos esquecer que Arcade é un dos grandes referentes turísticos e gastronómicos na provincia de Pontevedra non só polos seus excelentes produtos senón tamén polos seus cualificados restauradores''.

A III Semana Gastronómica de Arcade está organizada pola Asociación de Empresarios de Arcade-Soutomaior, o Concello de Soutomaior e patrocinada pola Deputación de Pontevedra a través do seu organismo Turismo Rías Baixas. Desde o 22 ata o 28 de xuño poderase degustar en dez restaurantes de Arcade (Veiramar, Ría de Arcade, O Recreo de Arcade, Arcadia, O Rincón de Arcade, Marisquería Arcade, Bonsai, Isape, Avenida e Altamar) un menú para dúas persoas composto por 12 ostras, 6 lagostinos, 4 vieiras, 1 lagosta, 1 centola, percebes, navallas, 2 sobremesas e unha botella do Albariño de Soutomaior María Vinyals a un prezo de 80 euros.

Tamén do 22 ao 28 de xuño terá lugar a III Ruta do Petisco de Arcade na que participan nove mesóns, taperías, bares e cafeterías da localidade (O Teu Café, Cervexería de Rosa, A Cantina, Os Soportais, A Tapita, A Cháchara, Lareira de Félix, Enredos e restaurante Besadio). Os petiscos serviranse sen custo adicional á consumición que pague o cliente.

As persoas que visiten Arcade durante a III Semana Gastronómica e degusten a mariscada poderán participar no sorteo dunha viaxe de fin de semana especial en Madrid para dúas persoas, un reloxo Viceroy, catro mariscadas para dúas persoas e un cheque regalo de 50 euros.     En canto á III Ruta do Petisco, se o cliente consegue selar o cupón do programa en catro locais diferentes e cobre os datos do dorso participará no sorteo dos mesmos agasallos que se entregarán aos participantes na III Semana Gastronómica de Arcade.

Comentarios