Gadisa crece un 4,5%

Valla publicitaria de GADIS (Foto: theorangemarket.com)
photo_camera Valla publicitaria de GADIS (Foto: theorangemarket.com)

Gadisa facturou 828,9 millóns de euros no 2007, o que supuxo un crecemento do 4,5% con respecto ao exercicio pasado. Estas cifras representan para a compañía de capital 100% galego consolidar a súa posición “como líder do Noroeste Peninsular grazas á confianza depositada polos seus 700.000 clientes e ao seu equipo humano”. 

A empresa de distribución xerou no 2007 un total de 306 empregos directos e investiu 13 millóns de euros na apertura e modernización de supermercados desenvolvendo a súa filosofía empresarial de proximidade ao cliente e adaptación ás súas necesidades.

Gadisa ampliou en máis de 5.000 metros cadrados a superficie comercial dos puntos de venda, ata alcanzar os 330.000 metros cadrados, repartidos a finais do 2007 en 190 Supermercados Gadis, 12 Cash Ifa, 10 Centros Comerciais Haley e 195 establecementos franquiciados Claudio.

Responsabilidade
A compañía galega destaca que xa supera as 500 accións anuais de Responsabilidade Social Corporativa baseada en 5 áreas estratéxicas: recursos humanos, medio ambiente, promocións directas a clientes, apoio a entidades sociais e colaboracións institucionais.

O ano pasado renovou o seu compromiso co Pacto Mundial de Nacións Unidas, unha iniciativa de compromiso ético auspiciada pola ONU destinada a que entidades e organizacións acollan, como parte integral da súa estratexia e actividades, Dez Principios concretos de conduta en materia de dereitos humanos, relacións laborais e medio ambiente, entre outros.

Comentarios