'Gargalo Calidade'

O director xeral de I+D+i, Salustiano Mato, fixo entrega do certificado de marca de garantía de 'Galicia Calidade' á Adega Gargalo, propiedade do deseñador galego Roberto Verino. No acto tamén participaron o director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, Xosé Carballido; o delegado provincial en Ourense da Consellería de Innovación e Industria, Xosé Antón Jardón, e o xerente de 'Galicia Calidade', Xabier Ignacio Louzao.

Gargalo é unha das vinte adegas inscritas na denominación de orixe vitivinícola Monterrei, a máis modesta das cinco galegas en canto ao seu volume de produción, uns 1,3 millóns de quilos, e ao número de industrias –unhas vinte–, produtores (583) e hectáreas amparadas (671). A calidade dos seus viños impulsou decisivamente a Monterrei, á que o prestixioso crítico norteamericano Robert Parker distinguiu con catro das súas marcas e ademais cunha elevada puntuación (de 89 a 97 puntos).

A inclusión da firma de Verino baixo o amparo de Galicia Calidade pretende trasladar a confianza, prestixio e calidade característica desta certificación galega aos brancos e tintos de Gargalo, ‘Terra do Gargalo' e ‘Terras Rubias'.

Mercados internacionais
Esta adega produce máis de 200.000 botellas anuais, das que o 9% diríxense a mercados internacionais, principalmente da Unión Europea e Centro América. A empresa prepara na actualidade a súa entrada en Xapón.

Nos seus dez anos de existencia, un dos viños da firma de Verino, ‘Terra do Gargalo', situouse entre os dez mellores de Galicia no ranking da Guía Campsa, publicación que tamén introduciu esta marca no seu 'Cadro de honra' das mellores producións de España. Este branco amparado por Monterrei e agora co selo Galicia Calidade figura na selección dos mellores viños hispanos e na edición de 2008 das guías Peñín e Todovino.

Comentarios