Hijos de Rivera, pioneira en España coa súas sidras de pera, moura e fresa

A marca de sidra de Hijos de Rivera, -Maeloc-, incorpora por primeira vez en España bebidas con sabor a pera, moura e fresa, coas "mazás autóctonas" como base polo compromiso do grupo cos produtos galegos de calidade.

Maeloc deu o seu nome, ademais, a un programa de investigación co que se pretende dotar dunha base científica á produción de mazá sidreira en Galicia. A través do Proxecto Maeloc, a marca de sidra galega leva a cabo un minucioso estudo de variedades de mazás autóctonas coa colaboración de entidades e organismos públicos.

O enxeñeiro agrónomo José Luis Olmedo, responsable de Innovación de Custom Drinks, indicou nunha cata celebrada na capital galega que é un proxecto a cinco anos vista, de 2013 a 2017.

Coñecer a situación actual de produción mazá sidrera en Galicia é o principal obxectivo da principal marca de sidra galega Maeloc, que deu o seu nome a este estudo de caracterización e identificación de variedades de mazá sidreira en Galicia.

Unha iniciativa que se desenvolve desde 2013 coa colaboración da Xunta de Galicia, o CIAM (Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo), a USC, o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo e o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte.

O estudo apóiase na creación dun censo de cultivo, un censo de recepción, campos de ensaio coas variedades escollidas e o desenvolvemento de xornadas de divulgación para produtores e asociacións do sector.

Entre as variedades estudadas, atópanse as comunmente chamadas Gravillán, Jamardo, José Antonio, Negra, Marafonsa, Ollo Landoi, Peros de Chantada, Rabiosa, Repinaldo e Ollo Mouro.

Con estas mazás, Maeloc produce na súa fábrica de Custom Drinks, en Chantada, Lugo, as súas sete variedades de sidra: Maeloc Natural, Doce, Seca, Extra e as sidras con sabores a Fresa, Moura e Pera.

A sidra é un produto tradicionalmente asociado a outras comunidades pero poucos saben que gran parte da produción de mazá sidreira de España procede de Galicia, recalcou Olmedo. A nivel de produción, destaca o experto, as zonas máis potentes son tanto Chantada, na provincia lucense; como Narón e Agarimo, na Coruña, e A Estrada, en Pontevedra.

Ademais, desde hai varios anos, desde Custom Drinks potenciouse especialmente o cultivo de mazá ecolóxica traballando man a man cos agricultores implicados no proxecto. Isto permitiu que, a día de hoxe, o 50% da mazá sidrera adquirida e procesada por Custom Drinks para a elaboración das súas sidras conte co certificado do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica en Galicia. Feito que permite a elaboración de sidras ecolóxicas como a súa Sidra Extra Ecolóxica Maeloc.

Comentarios