Javier Izurieta: ''Nós facemos comida de avoa para os que non teñen avoa''

María traballa de dependenta nunha tenda e Carlos é xerente dunha construtora. Ambos teñen que desprazarse fóra da súa cidade para emprender a súa xornada laboral e tan só dispoñen dunha hora para comer, pero o ritmo de vida que levan non lles permite gozar dos bos praceres como son os culinarios. Por iso, cando chegan ao seu fogar pican algo lixeiro e rápido como un bocadillo ou unha ensalada de pasta.

María e Carlos son dous personaxes ficticios pero que nos serven moi ben para exemplificar o que está a pasar na nosa sociedade. A pesar de que temos moitos electrodomésticos ao noso alcance para facernos a vida un pouco máis fácil como o microondas, a aspiradora ou a lavadora, que só basta con programalos para que funcionen sós… non son suficientes porque aínda que a tecnoloxía evolucionou bastante, non é capaz de elaborar pratos contundentes e ricos como os que preparan as nosas nais ou avoas.

Cada vez máis están a emerxer nas cidades as tendas que preparan produtos variados e adaptados á época do ano. Así, o cliente o único que fai é quentalo ao chegar ao seu fogar. Pero hai empresas que quixeron dar un paso máis, como é o caso da pontevedresa yatecomeré, caracterizada por ofrecer pratos tradicionais galegos envasados sen colorantes nin aditivos e fanllos chegar á porta da casa dos seus clientes,  tal e como nos informou o seu xerente, Javier Izurieta, na entrevista para o GaliciaéLV.

Os fogóns de yatecomeré acendéronse por primeira vez no ano 2010, aínda que como apunta o seu xerente, a empresa constituíuse un ano antes; despois de que tres socios realizasen diversos estudos de mercado para pescudar as súas carencias. Así, o restaurador e especialista nas técnicas do envase ao baleiro, o director dunha adega  e un empresario iniciaron unha viaxe; creando  pratos preparados con produtos galegos e de calidade, utilizando ''un único potenciador de sabor: o sal'', segundo explica Javier Izurieta.

                     

Era un reto para estes pontevedreses porque ata agora o que se facía, como ben indica, un dos seus socios, era ''comida de avión'', é dicir, ''produtos moi económicos e moi malos con colorantes e conservantes''.

Propiedades intactas
A diferenza doutros pratos envasados ao baleiro, os de yatecomeré aguantan ata 45 días, xa que ''o xeito de conservalos xa fai que estean perfectos durante 20 días'', segundo sinala Izurieta. Despois, tal e como conta o xerente pontevedrés, ''realizamos un pequeno tratamento, unha pasteurización, sen que afecte á cocción do produto para que non se pase como ocorre con algúns preparados que veñen en lata, que os someten a altas temperaturas e isto prexudica á súa textura''.  Así, as comidas que elaboran melloran en sabor porque se concentran as propiedades sen deshidratarse a súa materia prima.

                         

Vexetarianos nos fogóns de yatecomeré
A cociña da avoa yatecomeré alberga no seu interior diversos pratos gastronómicos como o xarrete, as carrilleiras, as patacas para a tortilla, os callos ou o cocido, así como distinguidas sobremesas como a torta da avoa, o flan de queixo ou o arroz con leite.

Aínda que o prato estrela, sen dúbida, son ''as croquetas, nas súas múltiples variantes tradicionais, de tradicionais de chocos, lacón con grelos, de pito ao curry, mazá, de mexillóns, entre outras'', tal e como reitera Javier Izurieta.

Os cociñeiros desta empresa pontevedresa non paran de innovar e están a aumentar a súa carta de produtos. Así, esperan incorporar ''o queixo con marmelo, o brownie con chocolate e o lacón con grelos'', como di un dos seus socios.

Actualmente, segundo afirma Izurieta, ''estamos a facer unha liña de produtos para unhas clínicas dietéticas de Madrid, que serían pratos aptos para vexetarianos. Para eles preparamos menús hipocalorícos, por exemplo pastel de cabaza ou o milfollas de pavo e verduras. Estamos a estudar a posibilidade de engadir máis pratos como croquetas de espinacas ou de hamburguesa... porque cada vez é un segmento máis importante''.

Comida para todos os públicos

Yatecomeré caracterízase por ofrecer dúas liñas de produtos. ''Unha para profesionais , a RR5 (ración a ración 5º gama), dirixida a aqueles restaurantes que necesitan unha homoxeneidade do produto e un estándar de calidade e outra liña, que se está empezando a implantar en España, que adoita ser xente nova que come fóra porque non ten tempo de preparar a comida. Como dicimos nós é ''comida da avoa, para os que non a teñen'', segundo aclara un dos responsables da empresa pontevedresa.

Pero yatecomeré non elabora pratos só para Galicia, senón que tamén ten clientes en Londres, Barcelona, Madrid e Asturias, onde ''adoitan traballar con cadeas de distribución, ás que lle fornecen algún prato ou ingrediente'', como recolle Javier Izurieta.
    

                           
Do online ao prato
A través da páxina yatecomere.es os clientes poden seleccionar os produtos que desexan como en calquera outra tenda online. Unha vez elixidos, poden realizar o pago vía PayPal ou a través do cartón de crédito.

Se a compra é superior a 80 euros, que sería ''unha caixa para un mes, o pedido entregaríase gratis'', como apunta Javier Izurieta; se non é así, tería un custo duns 10 euros, do transporte.  O pedido tarda entre 48 e 72 horas. ''Se estes fanse os venres, sairían o luns para evitar que rompa a cadea de frío; aínda que ás veces depende un pouco máis do transporte que de nós'', segundo Izurieta.

Comentarios