Compostela ulirá a café

A Asociación de Hosteleiros de Santiago de Compostela acolleu a presentación do 1º Campionato 'O mellor café de Compostela'. O concurso celebrarase co gallo do V Campionato de Baristas de Galicia entre o 15 e o 17 de setembro e virá acompañado dun curso preparatorio de barista de tres días, do 1 ao 3 de setembro.

"Organizamos estes eventos porque queremos ter en Compostela os mellores profesionais, que fagan o mellor café do mundo", declarou o Presidente da Asociación de Hostelería de Santiago de compostela, Jesús Sordo.

"Cantos millóns de cafés se están a facer no mundo ás once da mañá?" preguntou Sordo ao comezar a presentación para dar testemuña da trascendencia desta infusión na nosa vida diaria. O presidente do colectivo recalcou a importancia do bo café para unha cidade coma Compostela que vive maioritariamente da hostelería e o turismo, e afirmou que "o café é algo que temos que controlar detrás dunha barra".

O campionato, apuntou, está patrocinado pola marca Cafento e serve para promocionar a cultura do café entre os socios da asociación de hostaleiros compostelana, que poderán participar no curso e competición de xeito gratuíto. Igualmente, a cita ten como obxectivo brindarlle o protagonismo que lle cómpre a esta bebida dentro do abano gastronómico que achega a capital galega.

Cursos e charlas
Na presentación tamén estivo presente o xerente da Asociación de Hosteleiros de Compostela, Andrés Condide Viaño, quen deu a coñecer unha serie de cursos abertos aos socios do colectivo co fin de competitivizar e mellorar a calidade da hostelería e en especial a restauración en Compostela. No acto tamén se fixo pública a celebración dunha cata de cervexas tipo Lager o día 13 de setembro, que irá acompañada dunha charla.

Comentarios