A Pisa da Castaña reúne centos de incondicionais

pisacastaña_col1.jpg
photo_camera pisacastaña_col1.jpg

A pequena aldea de Froxán, no Courel, acolleu esta fin de semana a décima primeira edición da Festa da Pisa da Castaña, acto que foi organizado pola asociación cultural Fonte do Milagre.

Centos de persoas chegadas de diferentes puntos de Galicia, que estes días se atopan de vacacións na zona sur da provincia, achegáronse ata esta localidade, declarada pola Xunta hai dous anos Ben de Interese Cultural (BIC), para presenciar unha actividade que durante séculos se realizaba no Courel co fin de dispor durante todo o ano de castañas.

Neste proceso son fundamentais os sequeiros, pequenas edificacións de dous pisos típicas da zona, nas que se coloca o produto na súa parte alta e na baixa faise un lume para secalo.

Tras uns trinta días procédese a písaa, que consiste en introducir entre catro e sete quilogramos de castañas secas nun saco que, collido por dúas persoas por ambos os extremos, golpéase contra un cepo de madeira cuberto con pel de cabra, para que non rompa, co obxecto de que se separe o froito da casca. O seguinte proceso é o abandoxado, un labor que require dunha gran pericia técnica.

Nunha bandexa de madeira, de forma semicircular, colócase a castaña pisada e móvese, de tal forma que a casca caia ao chan e a castaña quede limpa para gardar e utilizar cando se queira, en calquera momento do ano, xa que antigamente este era un produto vital na dieta dos veciños do Courel.

Os participantes no festexo tamén tiveron a oportunidade de gozar dunha comida elaborada con castañas secas, cocidas, acompañadas de produtos do porco, todo servido nun prato cerámico confeccionado especialmente para este acontecemento.

Comentarios