A faba de Lourenzá contará este ano co distintivo de protección xeográfica

A Consellería do Medio Rural ten previsto aprobar este ano un regulamento que permitá comercializar a faba de Lourenzá con selo de Indicación Xeográfica Protexida (IGP) no mercado español. Así o comunicaron en Lugo responsables da consellería (encabezados polo delegado Emilio López) a produtores e envasadores deste produto.

Segundo explicou Ricardo Rivas, subdirector xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria, "toda a documentación necesaria para obter este recoñecemento xa foi enviada e agora só queda agardar a que se aprobe a inclusión no rexistro comunitario".

Ante a posibilidade de que esta situación se demore uns meses, a Consellería do Medio Rural optou por pór en marcha unha "protección transitoria" que permita promocionar este produto cun selo de calidade. Así, segundo sinalou Emilio López, "a faba da colleita deste ano xa poderá ser etiquetada co distintivo do IGP".

O IGP Faba de Lourenzá abarca os municipios de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove.

Medio milleiro de produtores
Segundo os datos do sector, o número de produtores que cultivan faba e que poderían acollerse a esta denominación de orixe rolda os 500, cun valor de mercado situado ao redor dos 10 euros por quilo. A comercialización só poderá practicarse co distintivo de fresco, nunca transformado.

Este produto presenta unhas calidades específicas que o diferencia no mercado, tanto no sabor como na textura e nas aptitudes gastronómicas.

Comentarios