A Festa da Castaña do Courel celebrarase o día 9 en Folgoso

ee0c73ba7175d392d3e6951511b6dab4.jpg
photo_camera ee0c73ba7175d392d3e6951511b6dab4.jpg

O Concello de Folgoso do Courel, en colaboración directa coa asociación cultural A Coroa, pechou o programa de actividades dunha das celebracións que se convocan na serra e que máis visitantes recibe. É a Festa da Castaña do Courel, unha feira que se desenvolve desde hai 27 anos e que terá lugar o próximo día 9 de novembro no Souto da Carroza da capital municipal, Folgoso.

Os expertos en asar castañas en bombos con leña da zona comezarán a súa actividade a primeiras horas da mañá, para que ao mediodía se poidan degustar gratis con viño, do mesmo xeito que se poderá facer durante toda a tarde, nese caso coa animación da charanga TNT.

Unha vez que as primeiras castañas salgan dos rulos, a iso da unha da tarde, o xornalista lucense Paco Rivera pregoará o evento e a continuación actuarán os compoñentes do grupo Gaitas e Cantores do Courel.

O público poderá seguir degustando castañas no Souto da Carroza ou dirixirse a algún dos establecementos hostaleiros da zona para comer ata que a media tarde se retome a festa coa charanga TNT. Ademais, haberá un espectáculo de animación infantil a cargo do grupo Imaxinatia, que organizará talleres de maquillaxe de caras e de globoflexia.

A organización, que conta co apoio da Xunta e da Deputación Provincial, celebrará unha pancetada gratuíta a partir das 21.00 horas. Despois sairá ao escenario o grupo Alba para continuar co festexo.

A alcaldesa, a popular Lola Castro, animou ao público a que participe na convocatoria e recordou que conta co sinal de Festa de Interese Turístico de Galicia.

Comentarios