Os viños galegos melloran vendas en EEUU tras o recoñecemento na guía Parker.

Os cinco viños Monterrei máis recoñecidos foron elaborados pola adega "Quinta dá Muradella" e o seu propietario, José Luís Mateo, explicou a GG que os seus viños obteñen puntuacións entre 94 e 97 na "escala Parker" desde hai xa tres anos.

"Este recoñecemento non se nota no mercado nacional, aínda que focaliza a atención dos expertos cara a Galicia e ás nosas variedades autóctonas de uva e isto sempre é interesante", explicou.

No panorama internacional, segundo dixo, a cousa cambia e nos casos concretos de Estados Unidos e Xapón "téñense moi en conta as puntuacións" o que se traduciu, nos últimos anos, na aparición de distribuidores interesados en vender os seus viños neses mercados.

A clasificación elaborada para a revista de Robert Parker "The wine Advocate" fíxose pública hai un mes cos datos da cata realizada en España por Jay Stuart Miller e este ano, incluíu tamén catro viños da adega "Dominio do Bibei" e un máis da adega "Raúl Pérez", todas elas da denominación de orixe (DO) Ribeira Sacra.

No caso de "Dominio do Bibei", un dos seus responsables é David Bustos e explicou que este foi o primeiro ano no que os seus viños concorreron ás catas de Parker "porque un dos importadores decidiu pola súa conta enviar mostras".

Por ser a primeira vez, Bustos considera que o recoñecemento da guía Parker "produce alegría ante o traballo premiado" e, por agora, unha persoa contactou coa adega para interesarse polos viños puntuados con 94 e 95 polo experto estadounidense.

Un viño da DO Rías Baixas obtivo unha puntuación de 95 e, segundo un comunicado do consello regulador, o catador Jay Miller da guía Parker destacou nas súas anotacións que a uva da variedade autóctona galega "albariño" -protagonista na DO Rías Baixas- "pode ser a alternativa perfecta á famosa Chardonnay" e describiu os viños da colleita de 2009 como "especialmente vibrantes".

A produción de viño na DO Rías Baixas destina o 50 por cento da súa exportación ao mercado de Estados Unidos.

Por outra banda, as Rías Baixas obtiveron no concurso da revista inglesa Decanter, sete medallas de bronce e 10 mencións, segundo os resultados que se deron a coñecer esta semana.

Comentarios