O escenario do castelo de Ribadavia converterase en cociña familiar para unha obra neorrealista arxentina

A representación de "La felicidad segund Mabel Riviere" será o venres día 23 de xullo, a cargo do grupo arxentino "Aleteo de bolboreta" dirixido por Jorge Acebo, e suporá a estrea desta obra en España.

O director da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, Roberto Pascual, explicou o programa do certame anual e destacou, da obra arxentina, que requirirá a instalación no escenario do castelo de Ribadavia, dunha cociña, neveira, mesa e cadeiras para crear un ámbito familiar no que se debullarán aspectos diversos da vida en torno ao desenvolvemento, en directo, dos preparativos dunha cea.

Programa da MIT

A MIT de 2010, desenvolverase en Ribadavia e os pobos veciños de Francelos, San Cristovo, Santo André e San Paio, entre os días 16 e 24 de xullo e contará con 25 espectáculos, algúns con carácter de estrea absoluta na vila do Ribeiro.

O certame foi presentado hoxe polo seu director Roberto Pascual, acompañado polo alcalde Marcos Branco e o edil de Cultura Anxo Collarte, e chegará este ano á súa edición número 26.

Pascual aludiu a varias representacións peculiares como  a "clown" suíza Gardi Hutter, prevista para o día 22, o teatro de rúa do grupo Circolando para o sábado 17 ou a programada para o día 20 no castelo a cargo da compañía polaca Gardzienice que contará con música en vivo dunha orquestra de Varsovia e que suporá a estrea en España do seu espectáculo "Iphigenia inAulide" .

Os diferentes espazos de Ribadavia previstos para a MIT acollerán representacións de grupos de Chile, Arxentina, México, Cuba e Colombia e contará con actividades infantís,un taller de teatro objetual a cargo do grupo portugués Circolando, presentacións de libros e encontros con Pedro Vaz, responsable dun programa de acción social que desenvolven varios distritos do norte de Portugal chamado "Comedias do Minho" e dirixido a nenos e novos.

Comentarios