A Unión Española de Catadores encomia a calidade dos destilados de Galicia

Case 30 asociados e membros da UEC (Unión Española de Catadores) tiveron a oportunidade de tomar contacto cos produtos amparados polo Consello Regulador das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia nunha cata que tivo lugar a semana pasada nas instalacións da UEC en Madrid, no marco do programa trimestral de catas dirixidas que este organismo oferta aos seus asociados.

O presidente do Consello Regulador das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, Evaristo Rodríguez, foi o encargado de abrir este evento, que serviu como primeira toma de contacto da entidade cos destilados galegos. De carácter teórica, a súa intervención centrouse en explicar o funcionamento do Consello Regulador e a súa historia, así como o proceso de elaboración destes produtos. Neste sentido, Evaristo Rodríguez destacou ''o gran interese mostrado pola Unión Española de Catadores cuxos asociados e membros sorprendéronse positivamente coa gran calidade alcanzada polos nosos produtos''.

Xa durante a cata comentada, a cargo da enóloga Sandra Cortés, os asociados da UEC tiveron oportunidade de coñecer oito produtos xenéricos do Consello Regulador xa que se presentaron e cataron tres augardentes brancas das variedades Albariño, Godello e Mencía, así como un híbrido, unha augardente envellecida, un licor café, un licor de herbas e unha augardente de herbas.

Aspectos como a elaboración e o proceso de destilado que seguiron estes produtos así como a influencia da materia prima nas súas características foron algúns dos puntos abordados durante a cata, da que os seus participantes destacaron a súa profunda satisfacción pola experiencia. De feito, na maior parte dos casos, era a primeira ocasión na que tiñan a oportunidade de catar estes produtos e todos coincidiron en destacar o alto nivel alcanzado polos produtos galegos. ''Moitos deles tiñan un concepto diferente destes destilados, xa que crían que se trataba de produtos máis agresivos polo que quedaron agradablemente sorprendidos polos seus matices e a súa gran calidade'', explicou a enóloga encargada da cata.

Pola súa banda, Evaristo Rodríguez destacou a intención do Consello de dar continuidade a este tipo de actividades, dando lugar a unha frutífera relación coa UEC que ''estamos convencidos que se traducirá na realización doutros moitos eventos''.

Comentarios