A Xunta invita a coñecer gratis a ruta do viño da Ribeira Sacra en xuño

A denominación de orixe Ribeira Sacra abrirá varias das súas adegas con motivo dunha xornada de promoción da ruta do viño auspiciada pola Xunta de Galicia que terá lugar os días 7 e 8 do próximo mes de xuño. Ademais, existirá a posibilidade de realizar unha visita pola zona de Doade e o canón do Sil subidos ao tren turístico Abba Sacra, realizar paseos en barca polo río Miño e acudir de forma gratuíta a coñecer o ecomuseo de Arxeriz (O Saviñao) e o Centro do Viño de Monforte.

A oferta inclúe ademais un percorrido polo románico de Pantón e Chantada, tamén de forma gratuíta, de mans da empresa especializada Máis que Románico.

Á iniciativa sumáronse varios restaurantes da zona, que ofrecerán menús especiais ao prezo único de 25 euros o prato para os adultos e a un custo inferior para os nenos.

Todas as persoas que desexen coñecer máis detalles deste programa de visita poden consultar a páxina web da comarca.

EN TREN

Así mesmo, a Ribeira Sacra será un dos novos destinos do programa Trens Turísticos que realizará Renfe en convenio coa Xunta por toda Galicia.

Os trens sairán da estación de Ourense con parada na dos Peares para coñecer unha aula interactiva sobre o mundo do ferrocarril. O convoi chegará ata Monforte, desde onde se acudirá a realizar unha visita ao canón do Sil en catamarán, á adega Regina Viarum, con degustación de viño incluída, e ao Centro do Viño, onde se ofrecerá unha degustación de queimada..

OPORTUNIDADE

Os visitantes que acudan a coñecer a ruta do viño da Ribeira Sacra terán a oportunidade de saber os nomes de mellores viños tintos e brancos do ano e os doutras anadas que pasasen por un proceso de envellecemento en barricas de carballo, pois o próximo día 23 dúas semanas antes da xornada de portas abertas realizarase unha cata para elixilos.

No concurso, que chega á súa edición número 20, participan as cinco subzonas da denominación cun total de 37 adegas que presentarán 69 caldos.

TRES AÑOS

A ruta do viño da Ribeira Sacra naceu hai tres anos co obxectivo de organizar a oferta turística da zona en torno ao mundo do viño e establecer unha programación de maneira que o visitante teña acceso ás adegas, os aloxamentos e toda a súa oferta.

A iniciativa agrupa a un centenar de establecementos e a varias administracións, mentres que estas xornadas de portas abertas son un reforzo súa actividade.

Esta iniciativa auspiciada pola Xunta de Galicia tamén se desenvolverá nas outras catro denominacións de orixe galegas, Monterrei, Ribeiro, Rías Baixas, Valdeorras.

En Rías Baixas e O Ribeiro será o 31 deste mes e o 1 de xuño; mentres que en Monterrei e Valdeorras, o 7 e 8 de xuño.

Comentarios