Os hostaleiros de Monforte ofrecen prezos especiais para intentar gañar clientes

O sector hostaleiro de Monforte decidiu levar a cabo unha agresiva campaña de prezos co fin de gañar clientes. Vinte e tres establecementos, a maioría situados na zona centro da cidade, ofrecerán todos os xoves deste mes racións dos produtos máis variados a un prezo único de 4,5 euros e descontos dun 20 por cento nos menús á carta.

A iniciativa xurdiu da delegación da asociación provincial de empresarios de hostalería cando o seu xerente, Beatriz Vila, constatou que o sector, segundo dixo, «está a pasar polos peores momentos dos últimos anos» e ao entender que se trata dun segmento produtivo «esencial para a economía de Monforte, pois se cae en picado arrastrará a outros sectores, como o comercio».

Beatriz Vila indicou que cada vez hai menos persoas en restaurantes, cafeterías e bares e que os menús á carta «esborralláronse dunha forma espectacular, pois case ninguén os pide». Pola contra, aumentou a demanda de menús do día que, dixo a delegada da asociación de hostaleiros en Monforte, «chegan a ser compartidos por un par de persoas».

Vila manifestou que os hostaleiros se deron conta de que necesitan «facer algo de caixa, por moi pequena que sexa, para facer fronte aos impostos e aos recibos de luz e lixo, que cada vez son máis altos», por iso é polo que aposten por rebaixar os seus prezos a fin de, destacou, «gañar menos, si, pero polo menos máis que nada».

Desde a asociación provincial de hostaleiros de Lugo confían en que esta oferta teña unha boa resposta, que anime aos monfortinos a saír máis á rúa os xoves; iniciativa que se completa coa oferta de racións, tapas e menús a base de cogomelos os dous fins de semana que quedan de mes.

Se a campaña funciona, indicou Beatriz Vila, a idea é levala a cabo noutras localidades da zona sur da provincia, empezando polas vilas de Chantada e Quiroga.

Comentarios