Burela desvela a vida dos boniteros nun barco-museo único en España

reina1.jpg
photo_camera reina1.jpg

O porto de Burela foi escenario en 1998 da xubilación do barco "Reina do Carmen" tras 30 anos de "costeiras " no Atlántico e a súa apertura como museo bonitero único en España.

Historias da "costeira" en vivo e en primeira persoa

O xove Julio César Pernas Eijo, natural de Burela, ten 33 anos e experiencia de once a bordo de barcos adicados á pesca artesá do bonito, do peixe espada e da pescada "ó pincho".

Pernas recibe cada día desde hai tres anos, ás persoas interesadas en coñecer de primeira mao a vida diaria dos pescadores e durante 2009 explicou a máis de 3.500 persoas o uso dos aparellos e os diferentes momentos dese traballo que se desenvolve moi lonxe da costa pero nos permite levar cada día á mesa todo tipo de peixe.

O agora guía do barco-museo explica que un día de xuño se saía de casa para facer unha marea de 25 días seguidos no caso do bonito, pero os pescadores de Burela tamén ían no inverno ao peixe espada e durante todo o ano á pescada.

Os aparellos de todas as pescas posibles están dentro do "Raíña do Carmen", algúns recuperados do propio barco que comezou a súa andaina en 1968, e outros doados por armadores e pescadores, segundo explicou Pernas a GG.

Os visitantes percorren todo o barco e descobren como moverse nunha cabina chea de aparellos para coñecer a distancia á costa, para recibir información meteorolóxica, para falar cos que están lonxe, as sondas de fondos mariños que devolven ecos e permiten detectar grandes bancos de peixes e, entre outros moitos, tamén o compás e a brúxula.

"Todos os aparellos que vendes eiquí foron sustituídos por outros máis modernos en calquera barco que navegue agora, excepto a brúxula que se segue levando por se falla todo o demais xa que é a única que non necesita ningunha fonte de enerxía para funcionar, pois é magnética", explicou a un grupo de visitantes o tamén guía Julio Fernández Quiroga, de 24 anos e con experiencia de oito na pesca do bonito e do peixe espada.

As visitas do verán, segundo Pernas, proceden sobre todo de Madrid, Barcelona e Sevilla e levan imaxes como a de como se viste un traxe de salvamento, como se prepara para ser izado por un helicóptero e como se colocan as varas e os cebos na pesca co sistema de "cacea " ou "curricán" -o utilizado en Galicia e Asturias para o bonito-.

Aos máis pequenos gústalles ouvir as historias mariñas ante a espada ósea de un peixe-espada e a mandíbula dunha quenlla de 160 quilogramos que lles mostran os "Julios" do barco-museo, probar as camas de 1,68 metros e aprenden que a quenlla chega ás nosas mesas con nomes como "marraxo", "pinta vermella", "cazón" e "melgacho" e que para pescar pescada ao pincho son necesarias tripulacións de 16 homes, máis de 120 aparellos e 25 días lonxe de casa en augas de Francia.

"Esas longas permanencias son as que desaniman aos mozos a enrolarse como pescadores e prefiren buscar outros traballos, como eu mesmo que tras once anos de pescas saquei o carné de conducir camións e quedeime en terra", agregou Julio Pernas.

As tripulacións pesqueiras de Burela están formadas hoxe, sobre todo, por pescadores de Cabo Verde e de Indonesia e por traballadores galegos de 50 anos ou máis que seguen para completar a súa vida laboral.

Datos da pesca de bonito en Burela

A "costeira" de 2010 iniciada en xuño, xusto tras a celebración da Virxe do Carmen, está a ser boa, segundo fontes do sector, pois cada barco bonitero que chega a porto tras 20 ó 25 días de pesca, descarga entre 20 e 30 toneladas de peixe que terminará nos mercados e conserveiras galegas e nos abastos de toda España xestionados por unha vintena de axencias instaladas na Mariña de Lugo.

A pesca do bonito é artesanal no caso de toda a costa Cantábrica e con dous sistemas que distinguen a Galicia e Asturias do resto e que foron estudados no ano 2006 por Vitoria Ortiz Zárate, Cristina Rodríguez Cabelo e Santiago Barreiro, para o Instituto Español de Oceanografía.

En Burela e outros dous portos galegos, o bonito obtense sobre todo a "cacea " ou "curricán", sistema que consiste en despregar sobre o mar dúas varas de máis de 15 metros con cinco cebos colgados que se moven co barco para atraer ao peixe.

O sistema utilizado en Cantabria e País Vasco é o de "cebo vivo" e consiste en pescar os bonitos que pican en anzois colocados con cebo no mar, lanzados ao redor do barco.

Segundo o mesmo estudo, a "costeira" obriga aos barcos a moverse por diferentes zonas seguindo a migración dos bonitos, así en xuño as capturas localízanse sobre todo no océano Atlántico, ao norte das illas Azores mentres que en xullo e agosto as capturas localízanse no interior do golfo de Biscaia e mar Cantábrico.

O movemento migratorio, segundo o estudo, é o mesmo cada ano aínda que si varía o número de capturas segundo a temperatura superficial da auga e a concentración de alimento en cada zona.

Máis bonito e festa propia

Ademais dun museo propio, o bonito do Norte ten en Burela a súa propia celebración que desde fai 26 anos é o primeiro sábado de agosto.




 

Comentarios