Os visitantes encheron Taboada no día grande da Festa do Caldo de Ósos

A Praza de Riazón quedou onte pequena para acoller aos numerosos veciños e visitantes que participaron no día grande da Festa do Caldo de Ósos de Taboada. O certame cumpriu 24 anos de vida e a asistencia de público demostrou que o prato é cada ano máis coñecido e valorado.

As actividades festivas comezaron a última hora do sábado cun concurso de cantos de taberna e unha ruta de viños que xa rexistraron moita afluencia. Pero onte, a carpa na que se instalaron máis de medio centenar de postos de venda con produtos da comarca e o espazo anexo, no que os restaurantes da zona ofreceron unha degustación de caldo estiveron nalgún instante atascados de xente.

Un dos momentos máis destacados foi a lectura do pregón. O elixido este ano foi Xosé Chorén Vázquez, natural de San Xulián do Campo, na parroquia taboadesa de Pedrouzo, e xefe da rede das oficinas de Correos de Cantabria, País Vasco, Navarra, A Rioxa, Aragón e Soria.

Chorén pronunciou un discurso próximo no que nada máis empezar recordou visiblemente emocionado ao seu pai, que se dedicaba a facer matanzas polas casas, e do que Chorén aprendeu toda a cultura relacionada co porco. "O meu pai tinga paixón pola matanza e eu aprendín da súa man a colgar os cochos, queimalos e sempre me tocou a difícil tarefa de lavar as orellas", dixo. Insistiu varias veces na importancia das raíces e afirmou que "somos o que mamamos de nenos".

Logo desa parte máis persoal recordou a pelexa entre Don Carnal e Dona Coresma no Libro do Bo Amor do Arcipreste de Hita e utilizou ese texto para abordar a importancia da gastronomía nas festas.

Tamén dirixiu unha decena de pregarias aos veciños e á comitiva de políticos que lle acompañaban. No palco, detrás de Chorén, estaban o alcalde e gran parte da corporación, rexedores dos municipios veciños así como representantes da Xunta e a Deputación de Lugo. Foi a eles aos que lles esixiu máis compromiso cos cidadáns, máis esforzo para coidar o patrimonio de Taboada e respaldo para os colectivos culturais e deportivos do municipio.

Tras o pregón de Xosé Chorén, o Concello entregou os premios aos mellores postos que participaron na feira de produtos autóctonos. Leváronse os tres accésits os postos da Asociación de Veciños de Cerdeda, Panadería Carlos e a Asociación Cultural O Carballo. O terceiro premio foi para a Asociación Os Rechouchiños, o segundo para o colectivo Os Deiquí e o primeiro para o supermercado Vilosa.

Tamén se entregaron os premios dun concurso de tapas celebrado o pasado fin de semana. Gañou a cafetería Muxicas cun solombo de porco.

Ademais, houbo unha mención especial para Marta Lamazares unha taboadesa que gañou o concurso de carteis da festa e cuxa proposta foi a imaxe usada para anunciar a celebración este ano.

Despois tivo lugar a tradicional degustación do caldo de ósos, un prato vinculado á matanza feito con carne de porco, legumes e outros ingredientes. Son os restaurantes da zona os que cada ano se encargan de preparar a degustación.

A festa seguiu ata ben entrada a noite coa banda de música municipal, Os Deiquí e a orquestra Pontevedra.

Comentarios