Máis dun 2% da produción vinícola da Ribeira Sacra pertence a viños envellecidos

Os viños envellecidos en barrica xa acaparan algo máis dun dous por cento da produción das adegas da Ribeira Sacra e, dada a boa resposta que se están atopando entre os consumidores e a crítica especializada, é previsible que nos próximos anos siga aumentando a súa presenza na denominación de orixe.

O presidente do consello regulador, José Manuel Rodríguez, explicou que "máis de vinte adegas" da denominación de orixe realizaron xa "algún tipo de experiencia con viños envellecidos", aínda que foi a Abadía da Cova a que iniciou este camiño.

"A maioría traballan con barricas, pero hai polo menos unha adega que envellece o viño en depósito e consegue sacalo ao mercado nun ano", explicou José Manuel Rodríguez, quen tamén aclarou que o proceso de elaboración destes caldos é "máis laborioso" e "máis caro", polo que tamén custan máis nos puntos de venda.

Á parte de xerar maior valor engadido, co que iso implica para os adegueiros, o presidente do consello regulador valora especialmente a existencia dun "novo produto e, polo tanto, dunha forma máis de chegar ao consumidor e dunha nova proposta para penetrar nos mercados".

Por outra banda, opina que este tipo de produtos "singulares" achegan "prestixio", dado que "conseguiron puntuacións moi relevantes na maioría dos concursos e catas", e "tanto o público como a crítica especializada falan moi ben disto viños".

Na última Cata dos Viños da Ribeira Sacra, que se celebrou o pasado fin de semana, as adegas Regina Viarum, de Amandi, conseguiron a maior puntuación na categoría de viños envellecidos.

Con respecto á colleita deste ano, Rodríguez avanzou que "será moi importante en cantidade", aínda que a calidade da uva dependerá "do tempo que faga a partir de agora". De feito, subliñou que "ata este momento, as cousas van moi ben e esperamos que sigan así".

Comentarios