Medio Rural organiza charlas sobre a 'Faba de Lourenzá'

O Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal) e a Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria da Consellería do Medio Rural convocan a todos os interesados en formar parte da Indicación Xeográfica Protexida ‘Faba de Lourenzá' a asistir a dúas charlas informativas que se celebrarán o mércores 23 de xullo, ás doce do mediodía, no salón de actos do Concello de Lourenzá, e o xoves 24 de xullo, á mesma hora, no Auditorio municipal de Ribadeo.

A Consellería ten previsto aprobar este ano un regulamento que permita a comercialización da Faba co selo de Indicación Xeográfica Protexida (I.X.P) dentro do mercado español.

A Indicación Xeográfica Protexida ampara a ‘Faba Galaica', producida nas tres comarcas da Mariña lucense, que alcanza aos seus quince concellos: Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove.

Oficinas comarcais

Posteriormente, para o asesoramento no proceso de creación dos rexistros de produtores, almacenistas e envasadores que desexen formar parte da Indicación, o persoal técnico do Ingacal estará a disposición dos interesados nas oficinas comarcais da Consellería nas seguintes datas:

  • Oficina agraria comarcal de Mondoñedo: 28, 29 e 30 de xullo, de 10 a 14 horas.
  • Oficina agraria comarcal de Viveiro: 31 de xullo, de 10 a 14 horas.
  • Oficina agraria comarcal de Ribadeo: 4, 5 e 6 de agosto, de 10 a 14 horas.
  • Oficina agraria comarcal de Foz: 7 de agosto, de 10 a 14 horas.

Comentarios