Medio Rural promove o pan de Cea como recurso turístico

Visita de Suárez Canal a la Feria del Pan de Cea (FOTO: AGN)
photo_camera Visita de Suárez Canal a la Feria del Pan de Cea (FOTO: AGN)

O conselleiro do Medio Rural da Xunta de Galicia, Alfredo Suárez Canal, visitou no marco da XVII Festa de Exaltación do Pan de Cea os primeiros paneis informativos das rutas etnográficas sobre a cultura do pan, que acaban de ser colocados no Concello de San Cristovo de Cea.

Suárez Canal tamén aproveitou para anunciar a inminente recuperación de catro fornos comunais (forno da Parapeta, forno do Abad, forno da Cruz e forno do Santo) para a súa posterior musealización no marco do proxecto de creación dun Centro de Interpretación do Pan de Cea.

Esta actuación está a ser realizada ao abrigo dun convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) e o Concello de San Cristovo de Cea para desenvolver as iniciativas contempladas no Plan de Dinamización da Indicación Xeográfica Protexida do Pan de Cea.

En virtude deste acordo, o concello encargarase da musealización dos fornos restaurados e a Consellería do Medio Rural do financiamento das actuacións necesarias para levala a cabo, por un importe de 75.000 euros. Deste xeito, preténdese promocionar o turismo cultural e o desenvolvemento socioeconómico deste concello, á vez que se recupera un patrimonio común en risco de desaparecer.

Tres rutas
Dentro destas iniciativas de promoción da cultura do pan, póñense en marcha as tres rutas de interpretación, que inclúen percorridos de baixa dificultade por diferentes elementos relacionados coa cultura deste produto, como os son propios fornos, eiras, palleiras ou muíños.

Así, a ruta denominada Cea-A Grela é de carácter peonil e ten unha duración aproximada de catro horas; a ruta Monxes-Labradores (de Faramontaos a Viña) pode realizarse tanto a pé, como en bicicleta ou en coche e ten unha distancia de oito quilómetros; mentres que a ruta San Martiño-Casledo, tamén peonil, ten unha distancia aproximada dun quilómetro e medio e facilita a visita ao Convento de Santa María a Real de Oseira e ao Museo etnográfico Olimpio Liste.

Comentarios