Mércores de choiva e vento en Galicia

Unha fronte fría deixará precipitacións fortes durante a noite
 
Previsión de Meteogalicia
photo_camera Previsión de Meteogalicia

Unha fronte atlántica deixará este mércores en Galicia precipitacións persistentes, vento forte e fenómenos costeiros que porán en aviso amarelo á comunidade, sobre todo a partir da tarde. No oeste as choivas estarán acompañadas de tormentas ocasionais.

 Así, durante o día os ceos estarán parcialmente cubertos, con máis nubes nas provincias do sur. Co avance da xornada, intensificarase o vento e chegarán as choivas que serán localmente fortes durante a noite na metade oeste.

Meteogalicia prevé que a comunidade continúe baixo a influencia das baixas presións  e a chegada dunha fronte fría moi activa ao final da xornada, polo que as temperaturas mínimas terán un lixeiro descenso, mentres que as máximas non terán cambios significativos.

Na provincia de Pontevedra espéranse acumulacións de choiva superiores aos 40 litros por metros cadrado a partir das seis da tarde, cando se activará a alerta amarela. No caso da Mariña e A Montaña de Lugo, o risco chega cos fortes ventos, xa que se esperan refachos de vento de máis de 80 quilómetros por hora a partir das 21 horas.

Nas grandes urbes galegas, os termómetros alcanzarán os 16 graos na Coruña ou Ourense e os 15 en Ferrol, mentres que en Lugo, Pontevedra ou Vigo non se superarán os 14 graos. En canto aos valores mínimos, a cidade das Burgas rexistrará o máis baixo (catro graos), seguida da capital lucense (seis graos). Na Boa Vila tocarán chan nos nove graos.

Comentarios