Noriega defende de novo a necesidade de separar actos relixiosos e civís

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, volveu a reivindicar este mércores, tras a translación dos restos do Apóstolo, a posición defendida polo seu equipo de goberno de diferenciar e separar os espazos civís e os relixiosos.


Ao termo do acto relixioso e preguntado polos xornalistas sobre as alusións da presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, designada delegada rexia para efectuar a ofrenda, e que no seu discurso reivindicou a "tradición" como o "espírito constitucional", o alcalde considerou "respectable" esta opinión.

Durante a súa intervención, a xefa do lexislativo galego remarcou que "o principio de non confesionalidade, é diferente ao laicisimo, un principio que non contempla a nosa Carta Magna" e insistiu en que todos estamos en débeda co fenómeno xacobeo "que non hai nunca que esquecer, tampouco por parte dos poderes públicos".

No entanto, o rexedor reiterou a posición do seu grupo de goberno, e a súa propia, que defende a necesidade de diferenciar entre actos relixiosos e civís.

O rexedor da capital galega e líder de Compostela Aberta non asistiu hoxe á cerimonia relixiosa da translación dos restos do Apóstolo pero acompañou a Pilar Rojo cando esta pasou revista ás tropas en nome do Rei antes do oficio relixioso e ofreceu unha recepción posterior en Raxoi.

Con iso, o alcalde reiterou que tanto el como Compostela Aberta cumpriron, "como sempre" coas obrigacións de representación que leva ostentar o goberno municipal de Compostela.

Tamén ironizou con que quizá as palabras de Pilar Rojo ían dirixidas ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, ou o portavoz municipal do PP no Concello, Agustín Hernández, que o pasado ano foi delegado rexio neste acto, xa que hoxe tampouco asistiron á misa solemne celebrada na Catedral.

Noriega preferiu non incidir nestas ausencias para "non desviar" a atención do que é unha posición xa manifestada en numerosas ocasións por Compostela Aberta e polo propio rexedor. 

Comentarios