Pequenos cociniñas

Participantes en la clase de cocina (Foto: JOSÉ Mª ÁLVEZ)
photo_camera Participantes en la clase de cocina (Foto: JOSÉ Mª ÁLVEZ)

Unha decena de nenos sancibrenses abriron a primeira sesión do taller de cociña que organizou a asociación Pasiño a Pasiño. A propietaria e cociñeira d'A Bodega, Ana María Rolle, foi a encargada de dirixir a clase, na que os pequenos aprenderon a elaborar as súas propias galletas de manteiga. «Polo visto gustoulles, ían todos ilusionados coas súas galletas», di a profesora.

«Expliqueilles a receita, tódolos ingredientes que tiña, amasamos todo e cada un foi collendo un cachiño de masa, estirando e cortando», explica a cociñeira. Logo de confeccionar formas divertidas era o momento de metelas no forno e esperar a que se dourasen. «Logo enchemos algunha ou botámoslles azucre glas por riba», engade.

Unha das directivas de Pasiño a Pasiño, Marta Blanco, apunta que os nenos, entre tres e sete anos, «pasárono ben e saíron comendo as súas galletas moi contentos» e tamén cos mandís que lles deu a cociñeira. Hai unha segunda oportunidade para participar no taller de cociña de Pasiño a Pasiño, xa que Ana Rolle volverá dirixir unha clase o día 30 deste mes e avanza que probablemente elaborarán bombones.

Este taller de cociña non é a única actividade que programou o colectivo Pasiño a Pasiño para esta tempada. Xa realizou unha procura do tesouro na que os 30 nenos que participaron pasáronllo en grande e iniciou as Argalladas Infantís, que se repetirán todos os mércores de seis a sete e media no local de Pasiño e nas que participan pequenos de dous a sete anos. Marta Blanco comenta que onte mesmo «quedaban facendo xogos con paracaídas » e que noutras sesións farán talleres de facer instrumentos con material reciclable, talleres de barro, plastilina, pintura...».

Doutra banda, todos os venres, a partir xa deste 4 de outubro, haberá clases de debuxo con Oliva para persoas de todas as idades, de cinco e media a sete no mesmo local. Ademais, só para os adultos, hai clases de zumba que se impartirán os martes e xoves de sete a oito da tarde.

Comentarios