As Pontes homenaxea ao precursor da Feira do Grelo nunha emotiva cita

O municipo pontés tinguiuse de verde para celebrar a súa máis emotiva Feira do Grelo. Na súa trixésimo quinta edición, unha das citas con máis arraigamento na localidade, quixo homenaxear a un dos seus precursores e a un clásico.

O Concello instaurou onte o premio Alexandre Pérez-Sindín Fraga –que se entregará a partir de agora á mellor cesta do concurso cada ano en forma dun obxecto deseñado por un artesán local–, para honrar a memoria dun "libro con patas" co "corazón dividido entre A Mariña lucense e As Pontes", que apostou por organizar a feira fai 35 anos, tal e como recordou o alcalde, Valentín González Formoso, nun acto no que participaron a súa viúva e os seus fillos. E o Mercado Vello acolleu unha exposición en recordo do torneiro pontés Fernando Vérez, que tantas veces estivo presente na mostra de artesanía na que onte varios dos seus compañeiros mostraban o oficio en vivo.

Como unha compañeira máis, xa case unha habitual do programa, a choiva non quixo perderse unha feira que transcorreu entre o son das gaitas tradicionais e os ritmos dos Balcáns, da man de Fanfarria Taquicardia.

Os grelos, os grandes protagonistas, voaron en poucas horas, igual que os freixós, o complemento gastronómico imprescindible dunha feira para degustar os sabores do inverno. Repartíronse máis de 300 menús de cocido, que moitos decidiron comprar para levar para escapar do frío, mentres os restaurantes se enchían de xente disposta a deixarse conquistar polo padal.

No concurso de cestas, a pesar de que os produtores aseguran que non foi un bo ano para o grelo, presentáronse un total de 62 propostas chegadas na súa gran maioría de Xermade, Vilalba, Ferrol, Monfero e As Pontes.

En total repartíronse máis de mil euros en premios. A pontesa Dina Franco, un clásico desta cita, conseguiu o primeiro á calidade e estreouse co premio honorífico, unha sela realizada por Andrés Otero. Luz Divina Alonso, tamén das Pontes, gañou co deseño da súa proposta, "unha cabaneta con boneca de Entroido" e un arsenal alimentario: "chourizos, rosquillas, orellas, freixós e touciño". Josefa Basoa, María Luz Vázquez, Andrea María Carballo, Josefa Filgueiras, Telmo Carballeira, Eva Garrido e Ana Isabel Pico repartíronse o resto.

Comentarios