Porto Celeiro lanzará ao mercado a súa gama de pratos preparados

merluza_dentro.jpg
photo_camera merluza_dentro.jpg

O Porto de Celeiro pasará este ano a proba definitiva á elaboración de pratos preparados a base de peixe e verduras, un proxecto no que traballan desde 2007 e que superou xa o filtro das catas en feiras internacionais, pero que agora se enfronta ao ''exame máis difícil'', o do mercado.

Así o explicou a responsable de mercadotecnia do Centro Tecnolóxico do porto lucense, Marta Tabernero, quen subliñou que durante este ano a quenda é para o testado destes produtos entre os consumidores, probas a pequena escala en puntos de venda antes de pasar ao desenvolvemento en produción.

Por iso, o que agora toca é conseguir socios colaboradores para a distribución, negociacións que se están centrando en empresas de catering e vending.

Necesidade dun servizo rápido
''Pensamos que estes pratos teñen un nicho de mercado centrado en persoas cunha necesidade inminente para comer algo san, con sabor e que se poida facer en poucos minutos'', argumenta Tabernero.

Por iso, outra das liñas coas que se está traballando é o das compañías dedicadas a dar servizo de comidas a domicilio para maiores, ''son un colectivo que necesita de menús saudables e de fácil dixestión e o que ofrecemos éo'', indica Tabernero.

Déficit de pratos de peixe
Pero, tamén se están dirixindo a unha parte da hostalería onde aínda existe un déficit de pratos de peixe, para este sector pensouse tamén outro proxecto en marcha, a preparación do lirio conxelado listo para fritir, que daría novas saídas a este peixe, cuxa textura ao fritirse resulta moi crujiente.

A oferta actual de Porto de Celeiro é de cinco pratos preparados, catro a base de merluza, combinado con diferentes verduras e un de lirio con patacas e pementos, todos eles para cociñar ao vapor no microondas e sen salsas, o que a diferenza da maioría da competencia actual.

Pero, a diferenza principal, explica a responsable de produto do Centro Tecnolóxico, Paula Cancio, é que o peixe non foi precociñado antes de chegar á mesa, senón que simplemente foi conxelado en alta mar, o que permite que perda menos propiedades no momento de cociñalo en casa.

Comentarios