Rosalía de Castro e Paco & Lola, viños 'para soñar'

Rosalía de Castro y Paco & Lola 2007 (FOTO: bodega R. de Castro)
photo_camera Rosalía de Castro y Paco & Lola 2007 (FOTO: bodega R. de Castro)

Ao redor de 100 persoas asistiron á presentación da anada 2007 dos viños Rosalía de Castro e Paco & Lola en Pontevedra, organizada pola adega Rosalía de Castro na sede do Padroado de Turismo de Rías Baixas coa presenza do presidente da Deputación, Rafael Louzán.
 
Durante a presentación interviñeron, ademais do propio Louzán, o presidente da adega, Martín Rodríguez; o xerente da mesma, David Martínez e Adolfo González, da distribuidora Disbegal.

Rafael Louzán,  encargado de clausurar o acto, cualificou á adega Rosalía de Castro como “unha aposta polo distinto, moderno, innovador... cun futuro máis que prometedor".
 
Tras as intervencións, o enólogo de Rosalía de Castro, José Antonio Porto, ofreceu aos asistentes unha cata comentada da nova anada 2007 dos viños tras o que se serviu un cóctel ofrecido nos xardíns do Palacete das Mendoza.
 
Con este acto a adega pretendía dar a coñecer Rosalía de Castro 2007 e Paco & Lola 2007, a segunda anada destes viños que sae ao mercado da man desta nova adega situada no Val do Salnés e que aglutina a máis de 450 socios.
 
Rosalía de Castro 2007, pertencente ao D.O. Rías Baixas, está elaborado integramente coa variedade característica da zona, o Albariño.
 
Imaxe moderna
Cunha imaxe moderna pero evocadora da obra e o espírito da poetisa, este Albariño de produción propia está elaborado con uvas procedentes dos propios viñedos da adega. Identifícase rapidamente co sabor que lle imprime a súa orixe, cunhas vides situadas nun enclave especial, en chan de textura arenosa, de natureza granítica, e expostas ao sol en ladeira, co que se consegue unha óptima maduración da uva.
 
É un viño que busca a expresión da personalidade da terra, empregando técnicas vinícolas modernas para crear un produto feito para gozar coa gastronomía, cunha personalidade fresca e expresiva.
 
Notas de cata
Rosalía de Castro 2007 presenta unha cor amarela, palliza, brillante, con toques de limón. En nariz desprega un gran potencial aromático, con ricos matices afrutados (cítrico, pomelo, mazá verde) e evocacións de herbas aromáticas (lavanda e heno), cunha gran elegancia. O seu sabor caracterízase pola potencia e a riqueza da froita, con notas minerais que lle imprimen complexidade e frescura. Moi saboroso e persistente.
 
Perfecto como acompañamento de caldeiradas de peixe ou carne, parrilladas de mariscos, empanadas, legumes, verduras, arroces ou sushi.

Premios e mencións: Zarcillo de Prata 2007.

Paco & Lola 2007 é o viño branco Albariño "máis estiloso e divertido de España", segundo os seus creadores. Nace como un viño saboroso, xoven e alegre, disposto a cativar todos os padais. Vén do Val do Salnés, na D.O. Rías Baixas, un lugar especial onde se producen os viños brancos máis interesantes do país. A adega ten 200 soleadas hectáreas de uva Albariño que xunto a un sistema de produción integrada e a un dinámico e alegre equipo de xente nova dan lugar a un viño moderno, elegante e rompedor.
 
Paco & Lola 2007 destaca pola súa cor amarela palliza, con reflexos verdosos. Limpo e moi brillante. Presenta un complexo nariz de sobresaínte intensidade aromática. Notas moi finas de froitas (cítricos, mazá verde), con matices herbáceos (albahaca), sobre un fondo floral. En boca é moi fresco, con corpo e un excelente paso en boca. Acidez viva que lle dá frescura, saboroso e amplo en aroma de boca e cun elegante carácter varietal que se mantén no postgusto.
 
Paco&Lola 2007 forma un dúo perfecto con aperitivos, mariscos, sushi, tempura de verduras, risottos, aves, e embutidos.
 
Premios e mencións: Medalla de Prata no Wine Masters Challenge 2007 (Portugal); Medalla de Prata no Taster Guild 2007; Medalla de Bronce nos Angeles International Wine & Spirits 2007, Medalla de Bronce e Ouro da Crítica no  Critics Challenge International Wine Competition; Bacchus de Prata 2008 en Premios Bacchus 2008 (Madrid); Medalla de Prata no Concurso Tasters Guild 2008; Medalla de Bronce en Riverside International Wine Competition 2008 (California);
 
Medalla de prata en Finger Lakes International Wine Competition 2008 (Nova York) e Recommended Wine no Wine Masters Challenge 2008 (Estoril- Portugal),  Commended Wine no Decanter World Wine Adwards (Reino Unido).

Comentarios