Sabores balcánicos en Monforte

Verduras e carnes da Ribeira Sacra, peixes e mariscos da costa de Galicia e agora, na praza de abastos de Monforte, produtos e comidas típicas da península dos Balcáns. Non se trata de ningunha excentricidade, senón dunha iniciativa comercial dunha búlgara residente na cidade do Cabe que decidiu apostar por abrir este tan peculiar negocio sabedora da morriña que teñen os seus compatriotas residentes na comarca de Lemos, uns 200, pola súa gastronomía.

Onte foi o día de inauguración e foron moitas as persoas, e en concreto un bo número de monfortinos, os que se interesaron polo que vendía. A todos, a propietaria do posto, Antoaneta Grudeva, explicáballes o mesmo, que a comida que comparten as xentes que residen na península dos Balcáns, integrada por Albania, Bosnia-Herzegovina, Bulgaria, Croacia, parte de Grecia, Macedonia, Montenegro, Romanía e Serbia, é moi similar á galega.

Teñen embutidos como chourizo e salchichón, queixos frescos e ata unhas empanadas moi parecidas ás que se elaboran en Galicia, Ademais, mantén unha estreita colaboración cunha panadería da cidade para ofrecerlles aos seus clientes pratos preparados.

Grudeva, quen nos seus intres libres dirixe o grupo coral Renfe de Monforte e que ten como fillo a uns virtuosos do violín, invitou a todos «a achegarse aos sabores da miña terra, os Balcáns».

Na comarca teñen fixada a súa residencia unhas 200 persoas da península dos Balcáns que botan de menos a súa gastronomía

Comentarios