Sete viños elaborados por Ponte da Boga, recoñecidos por Parker

O intenso labor desenvolvido pola adega Ponte da Boga, adscrita á denominación de orixe Ribeira Sacra, na investigación e recuperación de variedades autóctonas de uva e a súa aposta pola elaboración de viños moi especiais viuse recoñecida na revista The Wine Advocate, publicación da que é responsable o maior experto a nivel mundial de viños, o estadounidense Robert Parker, que cualificou con 90 ou máis puntos sete dos viños presentados por esta adega.

Segundo explica esta publicación de forma literal, un viño cualificado entre 90 e 95 puntos pode definirse como «un excelente viño de complexidade e carácter excepcional. En resumo, un viño espectacular».

Nesta lista sitúase na cabeza Ponte da Boga Expresión Gótica 2012, que recibiu 92 puntos e colócase entre os 20 viños mellor cualificados de Ribeira Sacra. Expresión Gótica 2012 é unha combinación de variedades mencía, merenzao, brancellao e sousón, unha aposta pola combinación de variedades preferentes da denominación de orixe que cada vez son máis utilizadas polos adegueiros da zona polo seu gran potencial.

Ademais, con 90 puntos sitúanse Ponte da Boga Albariño 2013, Ponte da Boga Bancales Olvidados 2011, Ponte da Boga Capricho de Merenzao 2012, Ponte da Boga Godello 2013, Ponte da Boga Mencía 2012 e Ponte da Boga Porto de Lobos 2012. Ponte da Boga Mencía 2013 pecha esta listaxe con 88 puntos.

O novo responsable da revista en España, tras a súa visita no mes de outubro, cualificou moi positivamente os viños da Ribeira Sacra

Trátase, segundo o responsable da adega, Rubén Pérez, dun «feito que apoia o alto potencial da esta zona vitivinícola galega, que produce viños extraordinarios ou excelentes».

Comentarios